Filtradas as características do Motorola Capri Plus

O fabricante chinés Lenovo está a ultimar a chegada nesta primeira parte do 2021 dunha nova familia de dispositivos baixo a denominación “Motorola Capri“, da que sabemos que terá cando menos dous modelos, un base e outro “plus”, así como tamén que serán comercializados en varios países, incluíndo o noso.

Mentres agardamos a súa presentación oficial, e para ir abrindo boca, vense de filtrar a folla de especificacións do Motorola Capri Plus, adiantando algunhas das súas características e confirmando que se trata de dispositivos de gama media.

O novo trebello de Lenovo incorpora o procesador Qualcomm Snapdragon 662, xunto con GPU Adreno 610 e dúas combinacións de memoria (4 GB de RAM + 64 GB de interna ou 6 + 128 GB, respectivamente). Tamén se confirma que chegará con Android 11 de serie, seguramente – e seguindo a liña da compañía – sen apenas modificacións sobre a versión stock.

A súa pantalla é un panel HD+ con taxa de refresco de 90 Hz, e en canto a cámaras teríamos unha traseira formada por catro sensores (principal de 64 Mpx, ultra gran angular de 8 Mpx, bokeh de 2 Mpx e macro de 2 Mpx), e unha frontal de 13 Mpx. Por último, a súa batería sería de 5.000 mAh con carga rápida de 20 W.

Motorola Capri

Ademais da citada versión “Plus”, Lenovo tamén presentaría unha versión máis básica, o Motorola Capri. Neste caso estaríamos a falar dun trebello co procesador Snapdragon 460 de Qualcomm, 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

Tería tamén unha cámara traseira cuádruple (principal de 48 Mpx, gran angular de 8 Mpx, macro de 2 Mpx e profundidade de 2 Mpx), e unha batería de 5.000 mAh, aínda que neste caso con carga rápida de 10 W.

Sobre o autor

Reply