1.400 millóns de chamadas de voz e vídeo por WhatsApp durante Noitevella

Hai xa ben tempo que as aplicacións de mensaxería gratuíta, nomeadamente ferramentas como WhatsApp ou Telegram, desbancaron ás chamadas tradicionais como principal vía para felicitar o aninovo á nosa familia ou amizades.

Porén, este ano, potenciados polos confinamentos e as restricións de mobilidade que estableceron as autoridades de moitos países e territorios arredor do mundo, estas cifras incrementáronse exponencialmente, conseguindo bater todos os rércords até o de agora.

É o caso de WhatsApp. A aplicación propiedade de Facebook é a principal app de mensaxería a nível mundial (en febreiro de 2020, hai case un ano, publicábase que a usaban arredor de 2.000 millóns de usuarias de todo o mundo, cifra que quedou obsoleta), e segundo vén de publicar a compañía este fin de ano cursaron máis de 1.400 millóns de chamadas de voz e vídeo a través dela, o que non só supón superar todas as cifras históricas, senón que tamén é un incremento do 50% desde a noitevella do 2019.

Instagram, outra das aplicacións icónicas do conglomerado de apps propiedade de Facebook, superou os 55 millóns de emisións en directo durante a Noitevella a nível global, e Messenger, app de mensaxería bastante popular nos Estados Unidos, duplicou as chamadas de vídeo con respecto a un día normal nese país.

Con estas cifras Facebook comeza o 2021 sacando músculo sobre as súas diferentes apps, nun momento no que moitos gobernos e a propia Unión Europea miran con lupa os seus movementos, o que podería desencadear nunha división da empresa.

Máis información | Facebook

Sobre o autor

No Responses

Reply