Analizamos o Samsung Galaxy Z Flip

Samsung deu un golpe na mesa cando anunciou o seu primeiro dispositivo pregábel, o Samsung Galaxy Fold, ao que tempo despois irían sumándoselle novos modelos coa singular característica de dobrar a pantalla, como o Galaxy Z Fold 2 ou o Galaxy Z Flip, que hoxe nos ocupa.

E é que durante as últimas semanas tivemos a oportunidade de probar en profundidade o Samsung Galaxy Z Flip, un dispositivo que conseguiu deixarnos boquiabertas desde o momento no que abrimos a caixa. E iso que dentro vén estirado 😉

O Galaxy Z Flip é un modelo tipo cuncha, é dicir, que se prega sobre si mesmo para reducir o tamaño da pantalla á metade do seu longo. Isto fai que teñamos certo deja vu e volvamos á época “pre-smartphones”, cando este tipo de dispositivos foron moi populares.

Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño e acabados

Falar do deseño do Samsung Galaxy Z Flip é falar dun deseño que non deixa indiferente a ninguén, e que produce un efecto de sorpresa semellante ao que producía o Galaxy S6 Edge cando anticipou a chegada dos móbiles con pantallas curvas nos laterais.

Cando está aberto,a estética frontal é semellante á de calquera terminal, salvo pola presenza duns marcos máis grosos do que estamos habituados ultimamente, e que se interrompen no medio para albergar a bisagra que permite a curvatura da pantalla. Algo semellante ocorre cando miramos o terminal pola parte traseira, onde a estética continua vese interrompida pola metade para poderse curvar, e novamente se o facemos desde algún dos laterais.

Se o pechamos, temos un dispositivo máis groso do habitual, pero cun tamaño inferior a unha billeteira, polo que resulta extremadamente cómodo para meter en calquera peto ou soster na man. Temos que dicir que nos pareceu un pouco máis pesado do normal, pero o seu peso (186 gramos) é similar ao de calquera terminal con ese tamaño de pantalla, polo que máis que ser un modelo pesado é unha sensación por ter ese peso nun produto tan compacto.

Como era de imaxinar, pregar o teléfono non implica que a pantalla quede dobrada como se se tratase dun folio, senón que ten certa curvatura, o que fai que ao pechalo non quede “pechado de todo”, senón que deixa – no lado próximo ao pregue – unha minúscula apertura, case inapreciábel, pero que está aí.

Pódese empregar cunha man? Pódese. Non é seguramente o máis cómodo nin áxil, e sobre todo ao comezo o “medo” pola novidade de que poida ser un dispositivo moi fráxil facíanos desbotar esta idea. Porén, conforme foron pasando os días e nos fomos afacendo a el, manexámolo perfectamente cunha soa man para abrir ou pechar a pantalla.

En canto á ubicación dos botóns e conectores, temos na parte lateral dereita os controis de volume e de inicio, que á vez é o lector de pegadas dixitais, mentres que do outro lado, no lateral esquerdo, sitúase a bandexa da tarxeta SIM. Situado na parte inferior do trebello está o conector USB-C e o altofalante principal.

Por concluír este apartado adicado ao deseño, temos que dicir que se trata dun produto cun traballo de deseño espectacular, o que nos fai pensar que o futuro destes terminais pode ser moi prometedor.

Hardware e rendemento

O Samsung Galaxy Z Flip incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 855+ fabricado en 7 nanómetros (8 núcleos Kyro distribuídos do seguinte xeito: 1 a 2,96 GHz, 3 a 2,42 GHz e 4 a 1,8 GHz). Xunto a el temos unha unidade de 256 GB de capacidade interna e unha memoria RAM de 8 GB.

No apartado de conectividade temos USB-C compatíbel con Ethernet, WiFi 4/5/6, WiFi Direct, NFC para pagos móbiles e Bluetooth 5.0. A unidade que probamos é a versión 4G, aínda que existe o modelo 5G que amplía as posibilidades, toda vez que as catro principais operadoras iniciaron os primeiros despregamentos de 5G NSA.

Leva lector de pegadas dixitais, aínda que non baixa a pantalla como nos terminais de gama alta de Samsung, senón que o implementa no botón lateral de acendido. Consideramos correcta a súa ubicación, e desde logo funcionou á perfección todas as veces que uo usamos.

Con esta folla de especificacións, estamos ante un terminal que pode con todo. E así foi a nosa experiencia, na que puidemos disfrutar dun teléfono que move sen problemas calquera aplicación, ofrecendo unha experiencia de usuaria acorde á gama na que se move.

Pantalla

Falemos da pantalla. Non cabe dúbida que, ademais do seu deseño, o punto principal desta análise é a pantalla que integra este dispositivo. Trátase dun panel Foldable Dynamic AMOLED, cunha diagonal de 6,7 polgadas, resolución FullHD+ (2636 x 1080 píxeles) e un ratio de 21:9, o que fai que sexa unha pantalla máis longa e estreita do habitual, e que semelle máis pequena ca outros modelos coma mesma diagonal.

Dispón dunha pequena perforación para cámara frontal na parte superior, unha solución que Samsung está a implementar na meirande parte dos dispositivos que sacou ao mercado nos últimos tempos, fuxindo do formato “pinga” para albergar a cámara, e que rouba algo máis de espazo.

A súa visualización ao aire libre non é tan óptima coma noutros modelos da compañía, en parte pola xestión do brillo e en parte polos reflexos, pero tampouco foi un problema no uso diario.

Pero falemos da súa “pregabilidade”. Poder dobrar o teléfono á metade implica, cando menos coa tecnoloxía actual, adaptarse a algunha cuestión, como por exemplo á “enruga” que forma a bisagra. Isto non é algo que se perciba ao mirar o teléfono de forma directa, pero si cando o ollamos lateralmente ou tamén cando o tocamos. Está aí. Non é algo que moleste, xa que realmente só nos lembramos da súa presenza ao facer scrolls longos, por exemplo en Twitter, pero na meirande parte das ocasións este scroll faise na parte inferior e non se toca a bisagra. En calquera caso, un acaba por acostumarse a ela.

Na parte exterior temos unha minúscula pantalla secundaria de 1,06 polgadas (116 x 300 píxeles de resolución), ao carón da cámara. Esta sérvenos para mirar a hora, ver as notificacións ou previsualizar o que ve a cámara se queremos usar a principal para sacar un selfie no cando da cámara frontal.

Pensamos que tería sido máis útil termos unha pantalla un pouco maior, xa que até algo tan “básico” como apagar a alarma ao espertar, exixe precisión para acertar a apagala.

Cámara

No apartado fotográfico temos unha cámara frontal única, un sensor de 10 Mpx con apertura f/2.4, mentres que na parte traseira temos unha cámara dobre formada por un sensor principal de 12 Mpx, con autoenfoque, estabilizador e f/1.8; e un segundo sensor de 12 Mpx gran angular con f/2.2. Ademais, é compatíbel con gravación en 4K con opcións a 60 fps e HDR10+.

Bótase en falta o zoom óptico, o que permitiría termos máis posibilidades, pero a súa ausencia non quita que teñamos un terminal cunha cámara espectacular, que se adapta sen problemas para sacar boas fotos en condicións de moita ou pouca luminosidade, e unhas cores vivas que fan que as imaxes luzan moi ben.

Software

Noa apartado de software temos Android 10 coa interface OneUI 2.0, na que se introducen pequenos cambios que permiten sacarlle algo máis de paratido ás peculiaridades deste dispositivo, pero que non supoñen cambio estético ou de opcións de configuración.

Un dos cambios máis destacados témolo na aplicación de cámara, cando usamos a función selfie e temos o dispositivo apoiado sobre unha superficie e semidobrado. Nese momento, o espazo de cámara ponse na parte superior, mentres que a parte inferior da pantalla fica reservada ás opcións de foto e botón de toma da imaxe.

Tamén, a nível software, hai certo traballo para dar servizo á pantalla secundaria, aínda que como xa comentamos anteriormente, esta quede un pouco infrautilizada ao non poder sacárselle todo o partido.

Batería

O terminal está equipado cunha batería de 3.300 mAh, que sobre o papel poden parecer algo xustos fronte aos 5.000 mAh habituais en teléfonos cunha pantalla semellante. Porén, o certo é que ao contrario do que pensabamos, o terminal cumpriu con creces en cuestión de autonomía, conseguindo arredor de 5 horas pantalla en media e sobre pasar do día a medio de uso.

Dispón de carga rápida de 25W, e tamén é compatíbel coa carga sen fíos, algo cada vez máis habitual dentro desta gama de produtos, polo que celebramos que Samsung tivera a ben incluílo tamén neste trebello máis especial.

Conclusións

Non cabe dúbida de que falar do Samsung Galazy Z Flip é falar dun teléfono revolucionario. O “simple” feito de pregar a pantalla pode parecer algo menor, pero máis aló do alarde tecnolóxico que o permite, supón tamén ofrecer ás usuarias algo realmente diferente.

É difícil prognosticar se esta revolución chegará para quedar, nun momento no que estamos a pedir pantallas cada vez máis grandes, pero se o fai, Samsung demostra con este modelo que está preparada, e todo o que poida vir será mellor.

Máis aló da pantalla, como fomos comentando ao longo da análise, o teléfono é un modelo de gama alta que se comporta ben en moitos aspectos, e se ben podería mellorar nalgúns puntos, como incluíndo mellores cámaras, entendemos que iso dispararía o prezo facendo del un trebello menos atractivo no mercado, ao ter un público máis reducido.

O Samsung Galazy Z Flip pódese adquirir actualmente por algo menos de 800 euros en tendas habituais, como Phone House, Fnac e similares.

Sobre o autor

No Responses

Reply