Nun CES claramente atípico, marcado pola pandemia da COVID-19, e no que a meirande parte das conferencias de prensa se celebran de maneira virtual, o fabricante chinés TCL anunciou diversos dispositivos conectados, ademais de smartphones e unha tablet, de cara a seguir mellorando as cifras da compañía neste 2021.
Nova tablet TCL NXTPAPER
Un dos dispositivos presentados por TCL que máis interese causou no sector foi a nova tablet TCL NXTPAPER. Trátase dun dispositivo que fai uso dunha nova tecnoloxía desenvolta pola propia marca – NXTPAPER – que permite unha nova experiencia de lectura, máis cómoda á vista.

Isto conségueo grazas ao uso dun panel LCD reflectante de baixa potencia que – segundo indica a propia empresa – reutiliza a luz natural, eliminando a retroiluminación. Ademais, ofrece un maior contraste e non ten parpadeo ou luz azul molesta aos ollos, conseguindo unha experiencia de visionado próxima ao papel, pero tamén afastándose dos paneis de tinta electrónica. Ten un tamaño de 8,88 polgadas e unha resolución de 1440 x 1080 píxeles.
Se botamos un ollo ao seu interior, atopámonos cun procesador MediaTek MT8768e, que está acompañado de 4 GB de RAM e 64 GB de almacenaxe interna. A súa batería é de 5.500 mAh de capacidade, e ofrece conectividade LTE, WiFi, jack de auriculares, Bluetooth e diversas opcións de xeoposicionamento.
A compañía prevé poñela á venda en Europa no mes de abril por 349 euros.
Novos smartphones TCL 20 5G e 20 SE
Por outra banda, TCL tamén anunciou novos smarphones, como os TCL 20 5G e TCL 20 SE, situados dentro da gama media e gama de entrada, respectivamente.
O primeiro deles, o TCL 20 5G, ten unha pantalla IPS LCD de 6,67 polgadas con resolución FullHD+, e no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 690, xunto con 6 GB de RAM e opcións de 128 ou 256 GB de memoria interna ampliábeis por tarxetas microSD.

A cámara traseira está formada por un lente principal de 48 Mpx (f/1.8), un gran angualr de 8 Mpx (f/2.2) e un sensor macro de 2 Mpx (f/2.4), mentres que a frontal é de 8 Mpx (f/2.0).
Do resto, destaca a súa conectividade 5G, levando esta tecnoloxía móbil a unha gama máis accesíbel, e incorpora tamén NFC para pagos móbiles. A súa batería é de 4.500 mAh de capacidade, con carga rápida QuickCharge 4.0 de Qualcomm.
Por outro lado, o TCL 20 SE dispón dunha pantalla de 6,82 polgadas FullHD, e no interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 460 con 4 GB de RAM e 128 GB de interna ampliábeis.

As cámara traseira é cuádruple (principal de 16 Mpx + gran angular de 5 Mpx + macro de 2 Mpx + profundidade de 2 Mpx), e a frontal de 8 Mpx (f/2.0). A bateríaé de 5.000 mAh de capacidade, tamén con carga rápida de Qualcomm Quickcharge 4.0.
O TCL 20 5G custa 299 euros, e xa se pode mercar en Italia (proximamente tamén no noso país), mentres que o TCL 20 SE chegará a finais de mes por 149 euros.
Outros dispositivos conectados
Ademais de novos smartphones e tablets, TCL tamén anunciou novos dispositivos conectados.
Os TCL Wearable Display son uns lentes con pantalla dobre de 1080p Full HD micro OLED, que permite disfrutar dunha vista de 140 graos a 4 metros de distancia e cunha densidade de 49 píxeles por cada grao. Pódense conectar a smartphones, tablets, portátiles… sempre que teñan un porto USB-C compatíbel con resolución 1080p, e permite ver películas ou xogar cunha experiencia máis inmersiva. Chegarán a finais de ano.

OS TCL Moveaudio S600 son uns auriculares sen fíos con cancelación híbrida de ruído e modo transparencia. Isto fai que sexan capaces de filtrar o ruído de fondo, mellorando tanto a experiencia auditiva como a capacidade para falar cos demais sen ter que quitarse os auriculares, asegurando que se poida oír mesmo en entornos ruidosos. Poderanse mercar en febreiro por 149 euros.

O TCL Movetrack é un rastrexador de mascotas que permite ter un control virtual dos nosos animais. Instalado no colar do can, proporciona localización en tempo real, empregando GPS, WiFi e outras tecnoloxías, xunto con tres modos de seguimento para axudar a localizar animais perdidos. Chegará en tres cores durante a primavera, por 99 euros.

O TCL Linkhub 4G Outdoor CPU é un dispositivo para ampliar a cobertura LTE (móbil) dentro da casa. Está deseñado para poder instalarse en exteriores, e dispón de antenas MIMO 4×4 de alta freceucnia cun sinal potenciado para salvar a distancia entre o fogar e a torre LTE máis próxima cubrindo grandes áreas con conectividade 4G Cat12.
