Filtrado o Oppo A93 5G

Oppo é unha das marcas que desde o 2019 está a facerse un oco no mercado móbil do noso país, experimentando un gran crecemento ao ofrecer opcións cunhas características moi interesantes adaptadas a diferentes rangos de prezo.

Un dos primeiros terminais que o fabricante chinés anunciará neste 2021, o Oppo A93 5G, vén de ser filtrado. Trátase dun dispositivo que podemos enmarcar dentro da gama media, e que ofrece ás usuarias conectividade 5G como un dos principais reclamos.

Segundo apunta esta filtración, o novo trebello integra o procesador Qualcomm Snapdragon 480 (fronte o Helio P95 que ten o A93 estándar que xa coñecemos), 8 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna, ampliábeis. A súa batería sería de 5.000 mAh de capacidade con carga rápida, algo no que Oppo leva tempo avanzando.

A súa pantalla sería un panel de 6,5 polgadas con resolución FullHD+, e leva incrustada a cámara frontal, de 8 Mpx. Do outro lado, na parte traseira, temos un módulo de cámara formado por un sensor principal de 48 Mpx acompañado de outros dous de 2 Mpx.

Está previsto que este modelo sexa anunciado na China de maneira inminente, onde se comercializará por uns 300 euros ao cambio. Haberá que ver cando chega ao noso país e a que prezo.

Sobre o autor

Reply