Samsung anuncia os novos Galaxy S21, S21 Plus e S21 Ultra

Xa están aquí. Hai apenas uns días demos conta das filtracións que adiantaron boa parte das especificacións da nova familia Galaxy S21, pero agora xa son oficiais. Samsung presentou onte os seus dispositivos de referencia para este 2021, tres modelos que se adaptan a diferentes necesidades. Son o Galaxy S21, Galaxy S21 Plus e Galaxy S21 Ultra.

Especificacións técnicas

Galaxy S21

O Galaxy S21 leva unha pantalla de 6,2 polgadas, con tecnoloxía Infinity-O-Edge AMOLED, resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles), e taxa de refresco de 120 Hz. No interior alberga un procesado Exynos 2100, xunto con 8 GB de RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna.

Dispón dunha cámara traseira triple, formada por un sensor principal de 12 Mpx (f/1.8), un gran angular de 12 Mpx (f/2.2) e un telefono de 64 Mpx (f/2.0), con zoom óptico de 3 aumentos, enfoque automático PDAF e AF láser e flash. Na parte frontal ten unha cámara de 10 Mpx con f/2.2.

Leva sensor de pegadas dixitais ultrasónico baixo a pantalla, conectividade 5G, Bluetooth 5.0 e USB-C, unha batería de 4.000 mAh con carga rápida e carga sen fíos; e é resistente á auga segundo IP68.

Galaxy S21 Plus

Pola súa banda, o Samsung Galaxy S21 Plus é moi similar ao Galaxy S21, aínda que cunha pantalla que medra até as 6,7 polgadas e unha batería que tamén medra, neste caso até os 4.800 mAh de capacidade.

Galaxy S21 Ultra

O modelo máis ambicioso dos tres é o Samsung Galaxy S21 Ultra, un dispositivo no que a compañía optou por incluír unha pantalla de 6,8 polgadas Infinity-O-Edge AMOLED con resolución WQHD+ (3200 x 1440 píxeles) e traxa de refresco de 120 Hz.

Leva tamén o Exynos 2100 como procesador, aínda que con 12 ou 16 GB de RAM e 128, 256 ou 512 GB de memoria interna.

Outro dos cambios notorios deste modelo é no apartado fotográfico, onde a cámara traseira pasa a estar formada por un sensor principal de 108 Mpx (f/1.8), un gran angular de 12 Mpx (f/2.2), un telefono de 10 Mpx (f/2.4) e outro telefono de 10 Mpx (f/4.9). A frontal é de 40 Mpx con f/2.2.

Unha nova xeración

A nova xeración de terminais Galaxy S21 avanzan en deseño, con marcos algo máis axustados, mais o cambio máis notorio é no cambio no módulo de cámara. Tamén varían os materiais, sendo o S21 de policarbonato e o S21 Plus e S21 Ultra de cristal.

Aínda que se comercializan con dous procesadores dependendo do mercado, no caso de Europa veremos unicamente o modelo de Exynos, e non o de Qualcomm.

Os tres modelos son compatíbeis co S Pen, o lapis que até o de agora estaba reservado unicamente á gama Note, e que se pode gardar nunha funda que ser comercializa con espazo para este, e que en principio só vai dispoñíbel no modelo Ultra.

Outra novidade é que por vez primeira veñen sen cargador de serie, polo que se non temos deberemos mercar á parte un que nos permita aproveitar todas as vantaxes da carga rápida.

Dispoñibilidade e prezo

Os tres modelos vanso pór á venda no noso país o próximo 29 de xaneiro, pero xa están dispoñíbeis para reservarse a través da web de Samsung.

O Galaxy S21 poderase adquirir por 859 euros (128 GB) ou 909 € (256 GB), mentres que o modelo S21 Plus chegará 1059 euros (128 GB) ou 1109 € (256 GB).

Por último, o Samsung Galaxy S21 Ultra pódese adquirir por 1259 euros (128 GB), 1309 € (256 GB) ou 1439 € (512 GB).

Sobre o autor

No Responses

Reply