Samsung habilitará a medición da presión arterial e o electrocardiograma no Galaxy Watch3 e Watch Active2

Samsung anunciou onte que a aplicación Samsung Health Monitor, que axuda a realizar un control da saúde e conseguir obxectivos de exercicio físico para un maior benestar, chegará axiña a 31 novos países, entre eles o noso. Dese xeito, as usuarias dos Galaxy Watch3 e Galaxy Watch Active2 poderán empregar as funcións de seguimento da presión arterial e o electrocardiograma a través da aplicación Samsung Health Monitor, polo que estarán informadas sobre a súa saúde en todo momento.

A aplicación Samsung Health Monitor conseguiu a certificación CE en decembro de 2020, o que permite ampliar este servizo a 28 países europeos. Esta certificación acredita que cumpre cos requirimentos de seguridade e saúde, entre outros.

Medición da presión arterial.

A presión arterial está estreitamente ligada con enfermidades cerebrais, renais e cardíacas, e se non se trata a tempo pode provocar un derrame cerebral ou unha enfermidade coronaria. Os reloxos intelixentes Galaxy poden medir presión arterial a través da aplicación Samsung Health Monitor, que ofrece ás usuarias unha visión máis ampla sobre a súa saúde, para poder tomar decisións sobre o seu benestar con información máis detallada.

Cando o Galaxy Watch3 ou o Galaxy Active2 están calibrados correctamente cun brazalete tradicional, pódese pulsar para medir a presión arterial en calquera momento e lugar. O dispositivo mide a presión arterial a través da análise da onda de pulso, que se rastrea cos sensores de monitorización de frecuencia cardíaca. A continuación, o programa analiza a relación entre o valor de calibración e o cambio de presión arterial para determinar a presión arterial.

Monitorización do electrocardiograma

Estímase que arredor de 33,5 millóns de persoas de todo o mundo están afectadas pola fibrilación auricular (AFib), unha forma habitual de ritmo cardíaco anormal, e causa de complicacións cardíacas, como coágulos de sangue, insuficiencia cardíaca e derrame ou embolia.

A función de electrocardiograma analiza a actividade eléctrica do corazón a través dun sensor do Galaxy Watch3 ou Active2. As usuarias destes reloxos poden abrir a aplicación Samsung Health Monitor estando sentadas comodamente e co reloxo ben axustado no pulso.

A continuación, o antebrazo debe apoiarse sobre unha superficie plana e a xema do dedo da man oposta debe colocarse no botón superior do reloxo durante 30 segundos. A aplicación medirá a frecuencia e o ritmo cardíaco, que se clasificarán como ritmo sinusal (un latido cardíaco normal) ou AFib (cando o corazón late de maneira irregular).

Dispoñibilidade

Para poder medir a presión arterial e realizar a función de electrocardiograma, as usuarias deben ter a aplicación Samsung Health Monitor instalada, tanto no Watch3 / Active2, como no propio smartphone Galaxy. Esta app instálase automaticametne cando se actualiza o seu reloxo Galaxy á última versión dispoñíbel a través da app Galaxy Wearable. Chegará de maneira progresiva a partir do 22 de febreiro.

Sobre o autor

Reply