Analizamos o LG Wing

O 2020 deixounos unha serie de móbiles bastante especiais, e o mellor de todo é que semella que nos próximos anos seguiremos avanzando nesta liña, de terminais que rompen coas regras pre-establecidas e ofrecen algo diferente. Se hai uns días analizabamos o Samsung Galaxy Z Flip, hoxe pasa polas nosas mans o LG Wing, un teléfono que, sen lugar a dúbidas, dá moito que falar.

E é que o LG Wing é diferente a todo o que teñamos visto até o de agora no mundo do smartphones. Agora que falamos de móbiles que se pregan coma un libro ou coma unha cuncha, LG decidiu ofrecer unha alternativa, con dúas pantallas superpostas que se poden poñer en forma de “T”.

E isto para que? Lede a nosa análise e saberédelo.

Deseño e acabados

O LG Wing hai que miralo desde varias perspectivas. Se ollamos ao móbil de fronte estaremos ante un dispositivo semellante a calquera outra, un deseño clásico con pantalla de gran formato e marcos reducidísimos. Vamos, que podería ser similar a tantos outros dispositivos de gama alta, coa excepción do seu grosor (10,9 mm), bastante superior. E aí é onde está o truco.

Se rotamos a pantalla cara un dos laterais atoparémonos que debaixo hai outro panel, quedando en forma de “T”, que nos permitirá ampliar as posibilidades da multitarefa ou ter unha experiencia aumentada en certas aplicacións, como veremos máis adiante.

Polo demais, dispón dos botóns de acendido e control de volume na parte dereita do terminal, nunha posición bastante cómoda se o usamos pechado, pero que quedan nunha zona complicada ao abrir o “T”, dificultando un pouco o control do volume. Na parte inferior temos o conector USB-C e no lateral esquerdo a bandexa para a tarxeta SIM.

En canto aos materiais, combinación de aluminio e vidro, ofrece unha sensación de dispositivo premium, e o seu corpo, compacto, fai que se vexa como un terminal sólido e robusto.

Hardware e rendemento

O corazón do terminal é un procesador Qualcomm Snapdragon 765G, un dos modelos máis destacados dos gama media – alta que ofrecen conectividade 5G. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, segundo versións.

No aspecto da conectividade destaca o 5G, a WiFi 802.11 a, b, g, n, ac; o Bluetooth 5.1m, NFC e USB 3.1.

Sen vir equipado co procesador máis potente de Qualcomm na data, pese a rondar os 1000 euros, o terminal consegue resolver sen problema as demandas das usuarias, e os 8 GB de RAM semellan axudar a conseguilo. pode que os 128 GB sexan escasos como modelo base, e tería sido preferido que se apostase polos 256 GB directamente, pero tamén é certo que isto repercutiría nun prezo maior, que seguramente dificultaría a súa venda.

Pantalla

Como sería de agardar, LG, como fabricante de pantallas, non podía fallar neste punto, e ofrece ás usuarias unha experiencia moi positiva neste campo.

A pantalla principal é un panel P-OLED FullVision de 6,8 polgadas con relación 20.5:9 FHD+ (2460 x 1080 píxeles / 395 píxeles por polgada), mentres que o panel secundario é un G-OLED de 3,9 polgadas, relación de aspecto 1.15:1 e resolución 1240 x 1080 píxeles (419 píxeles por polgada).

Ambas as dúas destacan pola súa nitidez, contrase e nivel de brillo, tres aspectos nos que o fabricante surcerano adoita marcar a diferenza con outros fabricantes de paneis.

Por último, cómpre sinalar que a pantalla principal inclúe o lector de pegadas dixitais na parte baixa frontal, unha posición cómoda cando o terminal está pregado, pero un tanto inaccesíbel cando está en forma de T, xa que queda nun lateral.

Cámara

LG sempre mantivo un posto alto en fotografía, e este LG Wing non ía ser menos. O dispositivo conta cunha cámara principal formada por tres sensores, un principal de 64 Mpx, e dous gran angular, un de 12 e outro de 13 Mpx. A razón disto é que a compañía decidiu adicar un á gravación de vídeo.

Esta singularidade está ligada á función gimbal do dispositivo, que só se pode activar cando temos despregadas a pantalla e nos propoñemos gravar un vídeo. Así, a pantalla secundaria convértese no sistema de control dos movementos, e móbil ofrece unha estabilización moi superior a outros modelos que podemos atopar no mercado.

Os resultados son certamente bos, malia non ser exactamente o mesmo ca un gimbal de verdade, xa que neste caso, como é obvio, emprégase unha combinación de hardware – software para conseguir o citado efecto.

En xeral, os resultados fotográficos son bos, cun rango dinámico correcto e cores que representan a realidade. O nível de nitidez das imaxes tamén é relevante, aínda que en condicións de pouca luz non consegue ser tan precisa como a que ofrecen outros modelos.

A cámara frontal, de selfies, é de 32 megapíxeles e está agochada, despregándose cun mecanismo pop-up cando a activamos, bastante rápido (menos dun segundo en aparecer ou desaparecer) pero un tanto ruidoso.

Software

Sobre Android 10 (actualizábel), LG implementa a súa propia interface, que precisa dalgunha actualización estética e mellora nas transicións, aínda que polo xeral funciona bastante fluído.

O maior esforzo diferencial neste eido no LG Wing atopámolo no uso da dobre pantalla, con funcionalidades para poder empregar ambas de maneira complementaria ou para a multitarefa, así como no apartado de cámara, que xa vimos.

O éxito deste tipo de modelos especiais tamén depende dos acordos aos que LG poida chegar con desenvolvedores de aplicacións ou fabricantes de videoxogos, de maneira que adapten as súas versións a este modelo, como acontece co Asphalt 9 que puidemos probar.

Batería

A batería é de 4000 mAh de capacidade, con carga rápida QuickCharge 4+ (que sendo rápida, dista de outros sistemas de carga rápida que podemos atopar en fabricantes como Samsung, Huawei ou Oppo) e compatibilidade con carga sen fíos, algo que se agradece.

A autonomía, na liña dos produtos de LG, é algo a destacar, conseguindo nas nosas probas superar as 6 horas de pantalla sen problema, facendo uso mixto de terminal móbil, con xogos e consumo de multimedia.

Conclusións

O LG Wing é un móbil único, que gusta ou non gusta. Era sen dúbida un dos terminais que máis ganas tiñamos de probar polo seu carácter diferencial, e o certo é que non nos defraudou.

Se ben é certo que as funcionalidades de dobre pantalla pode que non sexan para o día a día de todo o mundo, si que hai algúns exemplos de uso nos que este terminal está máis que xustificado: xogadores, persoas que consumen moito multimedia e persoas que usan o teléfono como navegador. Son tres perfís que sen dúbida sacarán partido a un dispositivo como o LG Wing e as súas opcións.

En canto a rendemento, é un teléfono da gama media premium ou gama alta base, un dispositivo que se comporta moi ben na meirande parte dos escenarios, cunha boa batería e unha cámara que destaca, polo tanto unha opción a ter moi en conta.

O LG Wing pódese mecar en diferentes tendas por uns 900 euros.

Sobre o autor

Reply