O 5G era até o de agora unha característica da que presumían os smartphones máis punteiros dos diferentes fabricantes, mais aos poucos imos vendo como cada vez a listaxe de modelos de gama media é maior, democratizando o acceso a esta tecnoloxía.
Nesa liña, o fabricante chinés TCL vén de anunciar a chegada ao noso país do TCL 20 5G, un modelo que foi presentado no evento virtual do CES de Las Vegas desde 2021, e que destaca por destaca polo seu prezo contido.
O TCL 20 5G está equipado cun panel IPS LCD de 6,67 polgadas con resolución FullHD+, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 690, xunto con 6 GB de memoria RAM e opcións de 128 e 256 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira triple, formada por un lente principal de 48 megapíxeles con f/1.8, un gran angular de 8 Mpx con f/2.2 e un sensor macro de 2 Mpx, con f/2.4. Na parte frontal do trebello, a cámara é de 8 megapíxeles con f/2.0.
Polo demáis, o TCL 20 5G leva sensor de pegadas dixitais nun lateral, jack de auriculares e conectividade 5G, Bluetooth 5.1, WiFi e NFC, ademais de varias opcións de xeoposicionamento.
A súa batería, de 4.500 mAh de capacidade, é compatíbel coa carga rápida de Qualcomm QuickCharge 4.0, e como sistema operativo leva Android 11 con TCL UI.
Dispoñibilidade e prezo
O novo TCL 20 5G xa se pode mercar no noso país, estando dispoñíbel en dúas cores, gris e azul (Misty Gray e Placid Blue), en dúas versións.

O modelo de 128 GB custa 269 euros, mentres que a versión con 256 GB sube até os 299 euros.