Nas últimas semanas foron aparecendo novos modelos de gama media que achegan a conectividade 5G a segmentos de prezo máis axustados, tanto da gama media como da gama máis básica de entrada.
Hoxe temos que falar dun novo modelo destas características, o realme V11, que malia ter un prezo que oscila entre os 150 e os 180 euros ao cambio, permite ás usuarias acceder a este tipo de conexións de rede, mellorando a experiencia de usuario aló onde hai cobertura.
O novo realme V11 vén cunha pantalla LCD de 6,52 polgadas e resolución HD+ (1600 x 720 píxeles), e no seu interior integra un procesador de MediaTek, o modelo Dimensity 700. Dispón de 128 GB de memoria interna e opcións de 4 ou 6 GB de memoria RAM.
A súa cámara principal – traseira – dispón de dobre sensor, un principal de 13 megapíxeles con f/2.2, e outro de profundidade de 2 Mpx con f/2.4. A cámara dianteira é de 8 Mpx con f/2.2.
A conectividade, máis aló do 5G, vén dada polo conector USB-C, WiFi 802.11 ac e Bluetooth 5.1, e dispón de lector de pegadas dixitais, situado no lateral do dispositivo. A batería é de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 18W.
Dispoñibilidade e prezo
Polo de agora, o novo modelo de realme está dispoñíbel no mercado chinés, aínda que se agarda que chegue ao resto de mercados nos que opera a compañía, entre eles o galego.
O seu prezo ao cambio parte dos 150 euros na versión con 4 GB de RAM, e arredor de 180 euros o de 6 GB.