Xiaomi anunciou onte nun evento dirixido ao público europeo a chegada de novos dispositivos, entre eles o novo flasgship da compañía, o Xiaomi Mi 11 (que xa fora anunciado en decembro na China), e un novo modelo de televisión, a Mi TV Q1 75, coa que o fabricante quere seguir avanzando neste segmento de produto no vello continente.
Xiaomi Mi 11
O Xiaomi Mi 11 é un teléfono que destaca en todos os sentidos, a comezar pola súa pantalla, onde conta cun panel AMOLED de 6,81 polgadas con resolución 2K (3200 x 1440 píxeles), compatibilidade con HDR10+ e taxa de refresco de 120 Hz.
No seu interior leva o procesador máis punteiro de Qualcomm, o Snapdragon 888, xunto con 8 GB de memoria RAM e opcións de 128/256 GB de almacenaxe interna, ampliábeis por microSD. A batería é de 4.600 mAh de capacidade, con carga rápida de 55W por cable e carga sen fíos de 50W.
É compatíbel coas redes 5G, con WiFi 6 e Bluetooth 6.1, ademais de NFC, infravermellos e as opcións habituais de xeoposicionamento. Completan esta lista de características o sensor de pegadas baixo a pantalla e uns altofalantes estéreo para disfrutar da mellor calidade musical.
Se falamos de cámaras, Xiaomi apostou por introducir unha cámara frontal de 20 megapíxeles, e na parte traseira por un sistema de triple cámara, cun sensor principal de 108 Mpx con f/1.85, un ultra gran angular de 13 Mpx con f/2.4 e 123 graos e un sensor macro de 5 Mpx con f/2.4.
O novo Xiaomi Mi 11 está dispoñíbel en cinco cores (branco, negro, azul, gris e laranxa), e o seu prezo é de 749,99 euros na versión de 128 GB e de 799,99 euros na de 256 GB. A primeira pódese adqurir en mi.com e en Amazon, mentres que a de 256 GB estará dispoñíbel en mi.com, MiStores, Carrefour, El Corte Inglés, Fnac, MediaMarkt, Movistar, Orange, PC Componentes, The Phone House, Vodafone, Worten e Yoigo.
Xiaomi Mi TV Q1 75
Por outra banda, Xiaomi tamén anunciou a chegada ao noso país da nova televisión intelixente Mi TV Q1 75, cun panel de 75 polgadas fabricado con tecnoloxía QLED e moitas outras características interesantes, como veremos a continuación.
Como dicimos, a pantalla é un panel QLED semellante aos que emprega Samsung nos seus modelos, unha aposta segura polo brillo, cores realistas e contrastes, así como por ter un gran ángulo de visión, neste caso de 178 graos. É compatíbel co estándar HDMI 2.1 e cunha taxa de refresco de 120 Hz, o que fai que sexa unha pantalla compatíbel coas videoconsolas de nova xeración.
Está equipada con Android TV10, con soporte para aplicacións, Chromecast e Miracast. Tamén é compatíbel con Google Assistant, podéndolle falar a unha distancia de 3 metros (aínda que quen prefira máis privacidade pode desactivar este micrófono mediante un interruptor físico), e con Alexa.
O mando a distancia é Blueooth e dispón de botóns adicados a Netflix e Amazon Prime Video, dous dos servizos máis populares de entre os que ofrecen contidos de vídeo on demand.
O resumo das súas características é o seguinte:
- Pantalla: panel QLED con 192 zonas de atenuación local dinámica, 75 polgadas, resolución 4K, nivel de brillo máximo 1000 nits, contraste 10.000:1, taxa de refresco de 120 Hz.
- Visionado: Dolby Audio, DTS-HD, Dolby Vision, HDR10
- Son: 6 altofalantes cunha potencia total de 30 W.
- Conectividade: 3 portos HDMI 2.1, 2 portos USB, porto Ethernet, WiFi ac, Bluetooth 5, infravermellos, antena TV, saída óptica de audio.
- Outros: procesador MediaTek MT9611 con 4 núcleos Cortex A55 a 1,5 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de memoria interna.
En canto á súa dispoñibilidade e prezo, chegará ao noso país por 1299 euros no mes de marzo, aínda que promocionalmente poderase adquirir por 999 €.