Novo HTC Wildfire E Lite con Android Go

O fabricante taiwanés HTC anunciou esta semana o lanzamento dun novo teléfono de entrada, que destaca por situarse por baixo do umbral dos 100 euros e por contar con Android Go, a versión básica e lixeira de Android destinada aos terminais máis modestos. Trátase do HTC Wildfire E Lite.

O novo Wildfire E Lite está equipado cunha pantalla IPS LCD HD de 5,45 polgadas (720 x 1440 píxeles), e no interior leva un procesador MediaTek MTK6761D, xunto con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenaxe interna.

Na parte traseira ten dúas cámaras, unha principal de 8 Mpx con f/2.0 e un segundo sensor para o efecto de profundidade / bokeh, de 0,3 mpx con f/2.8. No frontal conta cunha cámara de 5 Mpx con f/2.2.

Dispón dunha batería de 3.000 mAh, que en combinación co resto de especificacións debería darlle unha autonomía suficiente para rematar o día, e tamén conta con lector de pegadas dixitais (traseiro), dual SIM, Bluetooth 5.0 e WiFi 5. O conector de carga é microUSB.

Como sistema operativo leva Android Go, unha versión lixeira que optimiza aplicacións como o buscador, a xestión de arquivos, a cámara ou a galería, entre outras, e que está deseñada para que terminais con 2 GB ou menos de RAM poidan funcionar de maneira fluída.

Dispoñibilidade e prezo

O novo modelo de HTC está dispoñíbel, polo de agora, en varios países do continente asiático, sen que de momento teñamos información sobre a súa – máis que probábel – comercialización europea. Aló véndese por uns 85 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply