O Oppo X 2021 con pantalla enrolábel é real

A esta alturas xa case nada nos sorprende no mundo das pantallas de smartphone, sobre todo despois do certo auxe de dispositivos que pregan a súa pantalla dunha ou de outra forma. Porén, agora imos un paso máis aló coas pantallas enrolábeis, algo que xa viramos multitude de veces en patentes e dispositivos conceptuais, pero que xa é real e chegará este ano ao mercado de maneira oficial.

O protagonista da historia de hoxe é Oppo, o fabricante chinés que pasou de ser un descoñecido no noso país a ir aumentando a súa presenza, até o punto de que hoxe é unha opción máis nos expositores de calquera tenda que venda smartphones e nos catálogos das operadoras. E é que este fabricante vén de deixar ver – e probar – o novo Oppo X 2021, un dispositivo que, como podedes imaxinar, ten na súa pantalla o maior reclamo.

O Oppo X 2021 é un terminal que de primeiras semella normal, cunha pantalla de 6,7 polgadas. Porén, activando un mecanismo motorizado, estira a súa pantalla, desenrolándoa internamente para quedar como un modelo máis cadrado, cunha diagonal de 7,4 polgadas, semellante á do Galaxy Fold de Samsung.

No vídeo anterior pode verse en acción, tanto o dispositivo en si como o mecanismo que activa esta pantalla “estirada”, xa que o fabricante permitiu a varios youtubers probalo para que deran as súas primeiras impresións.

Polo de agora non trascendeu a ficha completa das súas especificacións, nin tampouco a data na que podería poñerse a venda ou o seu prezo, algo que todas estamos desexando coñecer.

Sobre o autor

Reply