Realizamos a análise do Samsung Galaxy Note20 Ultra cando certas voces poñen en dúbida a súa continuidade. Os rumores sobre a posibilidade de poñer punto e final a esta icónica serie aviváronse coa chegada da familia S21, e concretamente o modelo máis avanzado desta, que dispón dunha funda con S Pen que herda algunhas das características da serie Note. Ten sentido, xa que logo, manter a serie Note? Apostará Samsung por manter a serie S e transformar a Note – máis premium e ambiciosa – no segmento dos modelos pregábeis? Son preguntas para as que non temos respostas.
Analizamos este modelo da serie Note desde o convencemento de que se trata dunha das opcións máis relevantes do panorama Android. Non só por ser un dispositivo de gama alta que compite nese “top” por ser o mellor smartphone, senón tamén polo que o fai diferencial (e fai diferencial á serie), un segmento de produto no que Samsung non atopou rival.
Deseño e acabados
Hai un aquel que fai que o Galaxy Note20 Ultra, visto de fronte, e malia ser un modelo practicamente todo pantalla, sexa claramente identificado como un terminal Samsung. Será polo aproveitamento da frontal, ou pola cámara en forma de orificio, pero sabemos que móbil é. Por detrás temos un cambio relevante fronte o modelo anterior, e este é o seu módulo de cámara. Grande e voluminoso, un cambio radical que parece que chega para quedarse, xa que a serie S21 herda en parte esta novidade do Note20.
Pero este non é o único cambio de deseño. Tamén mudan de ubicación os botóns do dispositivo, que pasan do lado esquerdo ao dereito, e a ubicación do oco para o S-Pen, que cambia do lado dereito ao esquerdo. Para un usuario dun Note10 Plus, isto non supón moito trauma, máis aló de botar un día ou dous acostumándose ao cambio.
Tamén temos cambios relevantes nos acabados do dispositivo, coa desaparición do uso do cristal e a aposta por unha configuración en mate. Isto fai que o dispositivo sexa menos esvaraío, sobre todo cando está pousado nun plano algo inclinado, e máis resistente ás caídas. E todo ilo sen perder o estilo premium.
En canto ás dimensións, mantense nuns 8,1 mm de grosor e 208 gramos, un peso considerábel pero asumíbel nun trebello deste tamaño.
Se hai que poñerlle un “pero” é que se o usamos sen funda, o módulo da cámara impide que o teléfono quede pousado sobre unha superficie de maneira 100 % estábel, xa que queda algo levantado nunha esquina, a que ten a cámara. Un “pero” como dicimos menor, dentro dun aspecto no que aproba con nota.
Hardware e rendemento
Un dos aspectos nos que destaca o Galaxy Note 20 Ultra é o do hardware, ao incorporar toda unha serie de características que o sitúan dentro dos modelos referenciais da industria móbil, tanto no 2020 como no que vai deste 2021. No seu interior goberna un procesador de fabricación propia, o Samsung Exynos 990 estreado polos Galaxy S20. Xunto a el, 12 Gb de memoria RAM LPDDR5 e 256 ou 512 GB de memoria interna, iso si, como opción para ampliarse mediante tarxetas microSD de até 1 TB.
Con este equipamento, o dispositivo ofrece ás usuarias potencia abonda para mover sen remiramentos todo tipo de aplicacións, xogos ou arquivos sen apenas inmutarse, aínda que cun uso prolongado en tarefas que requiren potencia si que se acusa algo de calor, non molesta, pero que aí está.
Máis aló da potencia, o trebello vén equipado con tecnoloxía 5G (NSA e SA) e Sub6, así como as últimas tecnoloxías WiFi (802.11 a/b/g/n/ac/ax dobre banda 2.4 + 5 GHz), MIMO e Bluetooth 5.0. Dispón de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla – bastante rápido e preciso – e NFC, así como diversos sistemas de xeoposicionamento (GPS, Galileo, Glonass e BeiDou). No apartado multimedia destaca a presenza de altofalantes estéreo con decodificación Dolby Atmos certificada.
Por último, como a meirande parte dos terminais lanzados por Samsung, o Note20 Ultra está protexido contra pó e auga segundo o estándar IP68.
Pantalla
O Samsung Galaxy Note20 Ultra integra unha pantalla Dynamic AMOLED de 6,9 polgadas, con resolución WQHD+ (3.088 x 1.440 píxeles, 496 píxeles por polgada) e unha relación de aspecto é de 19,3:9. É compatíbel con HDR10+ e tamén coa taxa de refresco de 120 Hz, para ofrecer a mellor experiencia, especialmente a aquelas usuarias de xogos no móbil.
Unha das claves da pantalla témola na súa capacidade de personalización, xa que – case – todo é configurábel a través do menú de axustes do dispositivo. Así, por exemplo, a taxa de refresco pode elixirse ou configurarse para que se axuste automáticamente entre 10, 30, 60, 90 ou 120 Hz, dependendo do que esteamos a facer, xa que non é o mesmo estar a ver fotografías a estar xogando nun videoxogo cun alto cambio de pantallas, onde se fai necesaria máis precisión. Isto afecta, claro está, ao consumo enerxético, polo que sempre é interesante adaptalo aos nosos usos para mellorar a xestión do consumo de batería.
A nível de brillo, contrastes e temperatura de cor, Samsung volve deixarnos con moi boas sensacións. O terminal está preparado para adaptarse a calquera espazo, con independencia do grao de iluminación, e polo tanto podemos usalo en condicións de incidencia directa do sol.
A curvatura dos laterais, cada vez máis anecdótica nos modelos de Samsung, non supón unha perda de contidos ou unha dificultade de acceso a algúns axustes moi concretos que podíamos ver nos primeiros modelos curvos da compañía. Máis aló da parte estética, facilitan o acceso ás opcións Edge, é dicir, aos menús contextuais para accesos rápidos a contactos ou outras aplicacións / ferramentas que configuremos segundo as nosas preferencias.
Cámara
Todos os titulares sobre a cámara do Samsung Galaxy Note20 Ultra lévaos o sensor principal de 108 megapíxeles que atopamos na parte traseira. É sen lugar a dúbidas o máis relevante desta cámara, pero non é o único sensor que incorpora este dispositivo.
A cámara traseira está composta por un total de catro sensores:
- Cámara principal. É un sensor de 108 megapíxeles (1/1,33 polgadas, píxeles de 0,8 µm). Ten estabilizador óptico e unha lente con apertura de f/1.8.
- Gran angular. É de 12 megapíxeles (1/2,55 polgadas, píxeles de 1,4 µm), e unha lente con apertura de f/2,2.
- Telefoto. É tamén de 12 megapíxeles (1/3,6 polgadas, píxeles de 1 µm). Ten OIS e lente con apertura f/3.0.
- Profundidade. Trátase dun sensor láser AF.
Por outra banda, a cámara frontal é un sensor de 10 megapíxeles (1/3,24 polgadas, píxeles de 1,22 µm) e autofocus, cun lente de apertura f/2.2.
Con esta configuración, é clara a intención de Samsung de apostar polo zoom, un campo no que tiña quedado algo atrás fronte as apostas de outros fabricantes, nomeadamente de Huawei, conseguindo realmente mellorar os resultados neste aspecto.
Tamén se mellor a aplicación da cámara, para aplicar automaticamente – se así o queremos – modos que melloran as fotografías, dependendo do que poñamos diante do obxectivo. Así, non será o mesmo como o terminal emprega as cámaras para sacar unha foto a unha comida de cando o fai para fotografar unha paisaxe. É unha evolución que fomos vendo ao longo dos últimos terminais da compañía, e que neste adquire unha importancia se cadra maior.
Sobre as fotografía a 108 Mpx, cómpre sinalar que non é o modo predefinido, senón que para facelo debemos seleccionar esta opción previamente. A toma de imaxes a esta resolución permite uns resultados moito máis precisos, algo que sebn dúbida agradeceremos para poder ampliar as imaxes e chegar a visualizar cousas moito máis concretas e definidas, se ben é certo que tomar imaxes empregando esta opción leva algo máis de tempo e, se se trata de algo / alguén en movemento, pode que non cheguemos a tempo de captar o que pretendemos ou que a imaxe saia movida.
En canto á gravación de vídeo, a cámara principal permite a gravación en resolución 8K (en formatos 16:9 ou 21:9), mentres que a cámara frontal pode facelo en 4K, o que supón tamén unha mellora de cara a poder visualizar posteriormente as gravacións en televisores ou pantallas grandes compatíbeis con estas resolucións. Tamén hai unha novidade en canto á gravación a 120 fps, que agora permite resolución FullHD.
Software
Samsung incorpora a última versión de Android, aderezado coa interface propia One UI 2.5. Como xa temos comentado noutras análises, esta capa de Samsung ten mellorado moito nos últimos anos para facerse moito máis fluída e menos invasiva desde o punto de vista das usuarias. Porén, segue a ofrecer toda unha serie de ferramentas e opcións pensadas na produtividade final (e en base aos acordos deste fabricante con outras empresas, como Microsoft) e tamén no uso de apps propias, como Health para control da saúde, Wear para xestión de wearables da propia marca ou Pay para pagos móbiles, entre outras.
No menú de axustes temos múltiples opcións de personalización que afectan a diversos elementos, como os parámetros de son ou axustes de pantalla, pero tamén como queremos que se visualicen contidos, os xestos ou as opcións para videoxogos.
O Note20 Ultra é compatíbel co sistema Dex para a conexión de móbil e PC sen usar un dock, empregando para ilo unha aplicación que se pode descargar desde a web de Samsung. Ademais tamén pode conectarse a través de HDMI a unha pantalla para transformar o teléfono nun sistema de escritorio sen necesidade de PC.
Por outro lado, temos o S Pen, o elemento diferenciador desta serie Note. Como xa facía no Note10, ao extraer o S Pen sae o o botón flotante que dá acceso a algunhas das aplicacións que permiten sacar uso deste elemento. Ademais, como xa tiñamos visto noutros modelos, o S Pen funciona con xestos para manexar o dispositivo a distancia, cambiar dispositivas… ou sacar fotografías usando o botón.
Batería
A batería do Galaxy Note20 Ultra é de 4.500 mAh de capacidade, o que supón un lixeiro incremento na capacidade fronte ao seu precedesor, sendo compatíbel coa carga rápida de 25W e tamén con carga sen fíos a 15W. Ademais, como nos últimos dispositivos de gama alta de Samsung, o terminal pode cargar outros dispositivos ou accesorios mediante a carga sen fíos inversa a 4,5 W, algo que está pensado para cargar os Galaxy Buds (auriculares) ou accesorios semellantes, aínda que tamén pode cargar – lentamente – outros smartphones.
En xeral, a batería compórtase na liña dos últimos modelos de Samsung, permitindo acabar o día sen problemas (cun 25 – 30% da carga para uso intensivo), pero sen grandes alardes. O bo do sistema de carga rápida que leva permite cargar unha boa porcentaxe de batería en apenas uns minutos – ideal para un apuro – e completar a carga completa en algo menos de hora e cuarto.
Conclusións
O Samsung Galaxy Note20 Ultra supón un paso máis na continuidade desta serie icónica de Samsung, que conta cun público obxectivo moi claro e concreto que busca sacarlle o máximo partido aos dispositivos ou necesitan unha ferramenta potente para traballo ou uso persoal.
A evolución é clara e diferencial no aspecto fotográfico, ao terse incorporado o sensor de 108 megapíxeles, así como tamén diversas opcións que permiten mellorar a visualización da pantalla. Porén, a nível potencia ou funcionalidades do S-Pen non atopamos grandes novidades con respecto ao modelo anterior que xustifiquen a actualización dun a outro modelo. Iso si, se pensamos en adquirir un terminal completo en todos os sentidos, é difícil atoparlle rival.
O Samsung Galaxy Note20 Ultra pode adquirirse a partir de 959 euros, dependendo da versión.