Os Chromebooks reciben varias novidades no seu décimo aniversario

Coincidindo co seu décimo aniversario, os Chromebooks recibirán importantes novidades en canto a funcionalidades. Así o anunciou Google, a compañía que está detrás de ChromeOS, o sistema operativo que empregan este tipo de dispositivos.

Para que non os coñeza, os Chromebooks son uns trebellos – portátiles, convertíbeis e mesmo algún all-in-one) co sistema operativo ChromeOS, baseado en Linux, e que pon na web – Chrome – toda a súa experiencia. Son, por dicilo dalgunha maneira, ferramentas pensadas para xente que fai – ou pode facer – practicamente todo nun entorno web, algo cada vez máis habitual nestes tempos.

Como dicíamos ao comezo, Google aproveitou este aniversario para presentar varias novidades, das que cómpre destacar tres: Phone Hub, sincronización de WiFi e Nearby Sharing.

A primeira delas, Phone Hub, é a integración das notificacións de Android no Chromebook, con acceso a datos como o nível de batería ou cobertura do noso smartphone, e tamén acceso a axustes rápidos ou á posibilidade de responder ás notificacións directamente.

Por outra banda está a sincronización das redes WiFi, que como o seu propio nome indica, implica que se agregamos unha rede ao móbil tamén estará dispoñíbel directamente no Chromebook grazas á sincronización coa conta de Google, evitando ter que volver introducila manualmente.

Por último temos Nearby Sharing, o sistema que permite enviar arquivos entre dispositivos Android, que agora tamén chegará aos Chromebook para poder enviar estes arquivos sen fíos desde o móbil ao ordenador .

Está previsto que todas estas novidades cheguen nas próximas semanas en forma de actualización a estes dispositivos.

Sobre o autor

Reply