Até 18 GB de RAM no novo móbil gaming de Asus

O fabricante chinés Asus presentou a semana pasada a súa familia ROG Phone 5, a última actualización do seu portfolio de móbiles gaming, co anuncio de tres novos modelos practicamente idénticos, pero con diferencias sutís entre eles. Son os ROG Phone 5, ROG Phone 5 Pro e ROG Phone 5 Ultimate.

Especificacións técnicas

Como dicimos, as tres versións do ROG Phone 5 son moi semellantes, e comparten a meirande parte das súas características.

Así, todos eles veñen equipados cunha pantalla AMOLED de 6,78 polgadas con relación de aspecto 20.4:9 e unha taxa de refresco de 144 Hz, un procesador Qualcomm Snapdragon 888 e unha dobre batería de 3000 mAh (6000 mAh en total) con carga rápida de 65W.

Tamén comparten a configuración de cámaras, onde temos unha traseira formada por tres sensores (principal de 64 MP, ultra gran angular de 13 MP e sensor macro de 5 MP) e unha cámara frontal de 24 MP.

As principais diferenzas témolas na configuración das súas memorias, que se reparten do seguinte xeito:

  • ROG Phone 5 Ultimate: 18 GB de RAM + 512 GB de almacenaxe interna.
  • ROG Phone 5 Pro: 16 GB de RAM + 512 GB de almacenaxe interna.
  • ROG Phone 5: Opcións de 8 + 128 GB, 12 + 256 GB ou 16 + 256 GB, para RAM e memoria interna respectivamente.

Ademais, outra das grandes diferenzas está en que tanto os modelos Pro como Ultimate dispoñen de sensores táctiles na parte traseira, para mellorar a experiencia gaming. Así mesmo, estes dous modelos máis ambiciosos tamén iluminan a parte traseira mentres se está a xogar.

Todos eles contan con AirTriggers ultrasónicos con detectores de presión, para aumentar a sensibilidade e ser moito máis precisos. Ademais, tamén contan con dous altofalantes frontais con Dirac Sound HD para unha experiencia máis inmersiva, e son compatíbeis con toda unha serie de accesorios lanzados pola marca para sacarlles todo o partido aos terminais, entre os que destacan un ventilador de refrixeración.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos terminais de Asus estarán dispoñíbeis proximamente nun abano de prezos que vai desde os 799 euros para o modelo máis básico até os 1399 para o máis completo. No concreto, estes prezos quedan como segue:

  • ROG Phone 5 (8 + 128 GB): 799 €
  • ROG Phone 5 (12 + 256 GB): 899 €
  • ROG Phone 5 (16 + 256 GB): 999 €
  • ROG Phone 5 Pro (16 + 512 GB): 1199 €
  • ROG Phone 5 Ultimate (18 + 512 GB): 1399 €

Sobre o autor

Reply