Xiaomi anuncia os novos Poco X3 Pro e Poco F3

O fabricante chinés Xiaomi anunciou onte a chegada de dous novos terminais ao mercado galego, o Xiaomi Poco X3 Pro e o Xiaomi Poco F3. O primeiro é unha revisión dun supervendas, o Poco X3 NFC, mentres que o segundo é a adaptación europea do Redmi K40.

A continuación imos coñecelos máis a fondo.

Xiaomi Poco X3 Pro

Como adiantamos nas liñas anteriores, o novo Xiaomi Poco X3 é unha revisión do X3 NFC, co que comparte deseño e boa parta das súas características, aínda que apostando por multiplicar a súa potencia e capacidade para facer que sexa un dispositivo moito máis completo e competitivo.

Este modelo dispón dunha pantalla de 6,67 polgadas con resolución FullHD+ e taxa de refresco de 120 Hz, protexida con Corning Gorilla Glass 6. No seu interior temos un novo procesador, o Qualcomm Snapdragon 860, e dúas configuracións de RAM – memoria interna, coa posibilidade de ampliar esta última mediante tarxetas microSD:

  • 6 GB de RAM + 128 GB de memoria interna.
  • 8 GB de RAM + 256 GB de memoria interna.

A cámara principal está formada por catro sensores, un principal de 48 Mpx acompañado dun gran angular de 8 Mpx, unha cámara de profundidade de e Mpx e un sensor macro, tamén de 2 Mpx. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara de 20 Mpx.

Dispón dunha batería de 5160 mAh de capacidade, con carga rápida de 33 W mediante cable USB-C. No son destaca a presenza de altofalantes estéreo con certificación Hi-Res Audio e a presenza de conector jack de 3.5 mm. Tamén leva lector de pegadas dixitais no lateral, NFC para pagos móbiles e como sistema operativo Android 11 coa capa de personalización MIUI.

Como vemos, é un dispositivo moi completo, sobre todo se temos en conta que se move no entorno dos 200 euros. Destaca o seu procesador, un novo modelo de Qualcomm da serie 8, que está baseado no actual chip de referencia para a gama alta, o Snapdragon 855+, iso si, con algunha característica recurtada, a principal a ausencia de conectividade 5G.

Chega ao mercado en tres cores (negro, azul e dourado), cun prezo oficial de 249 euros para a versión de 6 + 128 GB, e de 299 euros para a de 8 + 256 GB. Porén, de maneira promocional poderase mercar desde mañá e até o 1 de abril por 199 e 249 euros, respectivamente.

Xiaomi Poco F3

Xiaomi tamén anunciou o Poco F3, un modelo máis potente que destaca polo seu deseño e por conservar esa premisa de ofrecer unha boa relación calidade – prezo ás potenciais compradoras.

A súa pantalla é tamén de 6,67 polgadas con resolución Full HD+ (2400 x 1080 píxeles), agora ben, trátase dun panel AMOLED compatíbel con HDR10+ e con grao A+ de Display Mate, que tamén ten unha taxa de refresco de 120 Hz.

A potencia interior gobérnaa outro procesador de Qualcomm, o modelo Snapdragon 870, acompañándose de 6, 8 ou 12 GB de RAm e 128 ou 256 GB de memoria interna, segundo versións, tamén ampliábeis por microSD de até 1 TB de capacidade.

A cámara principal – traseira – ten un sensor Sony IMX 582 de 48 Mpx, ademais dun ultra angular de 8 Mpx e un sensor macro de 5 Mpx. Por diante, a cámara das selfies é de 20 Mpx.

A batería queda nos 4520 mAh con carga rápida de 33 W, e na conectividade destaca a presenza de 5G, WiFi 6, Bluetooth 6.1, NFC e múltiples opcións de xeolocalización. Tamén dispón de sensor lateral de pegadas dixitais, altofalantes estéreo e Android 11 con MIUI como sistema operativo.

Este modelo chega ao mercado en tres cores (azul, branco e negro), unicamente en dúas versións do total das dispoñíbeis a nível global. Así, poderemos mercar o Poco F3 por 349 € na configuración de 6 + 128 GB ou por 399 € no caso de optar pola de 8 + 256 GB.

De igual maneira ca co Poco X3 Pro, o novo Poco F3 estará rebaixado 50 € durante un período promocional entre o 27 de marzo e o 4 de abril, puidéndose mercar por 299 e 349 euros as versións de 349 e 399 euros, respectivamente.

Sobre o autor

Reply