O fabricante chinés OnePlus anunciou onte nun evento telemático o lanzamento de novos produtos. Tal e como estaba previsto, o primeiro smartwatch da compañía fíxose oficial, o OnePlus Watch, e a súa presentación coincidiu co anuncio da nova serie 9 de smartphones, que inclúen o OnePlus 9 e OnePlus 9 Pro.
OnePlus Watch
O OnePlus Watch é a última novidade do plan estratéxico de OnePlus, e ten como obxectivo integrarse na vida dixital das usuarias, ofrecendo un deseño bastante coidado combinado cunha monitorización intelixente da actividada física. Ademais, a compañía promete unha batería de longa duración.
No que ten a ver co seu deseño, OnePlus destaca a súa forma redondeada, simulando o reloxo tradicional, cunha carcasa de 46 mm fabricada en aceiro inoxidábel e cristal curvo 2.5D, cun patrón de CD brillante no bisel da pantalla para aportar un toque de distinción.
No apartado técnico, dispón de 4 GB de almacenaxe interna (só 2 GB dispoñíbeis), e conectividade Bluetooth para poder sincronizarse non só co smartphone – como é obvio – senón tamén con auriculares sen cables. A batería, de 402 mAh, proporciona carga para utilizar o dispositivo durante dúas semanas, tempo que OnePlus reduce a unha semana se falamos de usuarias moi activas.
Leva certificación IP68 e protección de 5 ATM no que ten a ver coa resistencia a auga e pó, e pode cuantificar máis de 110 tipos de adestramento, sendo quen de detectar automaticamente cando comezamos a correr. Medir o pulso, distancia, calorías, velocidade ou a eficiencia SWOLF no caso das nadadoras, son algunhas das súas funcións destacadas, nun trebello que incorpora GPS para poder rexistrar o exercicio sen ter que estar conectado ao teléfono.
O OnePlus Watch porase o 26 de abril en Europa por 159 euros.
OnePlus 9 series
Por outra banda, OnePlus tamén anunciou a nova familia de smartphones OnePlus 9, nos que fai unha aposta pola cámara grazas a un sistema de cámaras Hasselblad para dispostiivos móbiles, así como tamén polo alto ratio de refresco de pantalla e a tecnoloxía de carga rápida sen fíos Wrap, da que falamos esta mesma semana.
OnePlus 9 Pro
O OnePlus 9 Pro leva unha pantalla QHD+ con 120 Hz de taxa de refresco, e no seu interior alberga o procesador Qualcomm Snapdragon 888, o que ofrece un rendemento elevado para as usuarias que máis lle exixen ao seu teléfono.
A cámara principal é de 48 MP, un sensor IMX789 cun deseño personalizado creado en colaboración con Sony, para conseguir un enfoque máis rápido e 64 veces máis información de cor para unha maior precisión, sobre todo en vídeo e fotografía nocturna. Xunto a esta cámara temos un gran angular de 50 MP, tamén de Sony (IMX766), unha cámara telefotográfica de 8MP con zoom óptico de 3.3x aumentos con estabilización OIS para reducir o desenfoque e finalmente unha cámara monocromática que ten como obxectivo engadir detalles de claridade ás fotos en branco e negro.
Dispón de conectividade 5G, e memorias RAM e interna ultrarrápidas, apostando polas tecnoloxías LPDDR5 e UFS 3.1, respectivamente. Haberá dúas versións segundo a cantidade de memoria, unha de 8 + 128 GB, que custará 909 euros, e outra de 12 + 256 GB, que se porá á venda por 999 euros. Está dispoñíbel para prevenda, aínda que oficialmente chegará o día 31 de marzo.
OnePlus 9
O OnePlus 9 resulta bastante semellante á versión Pro, ao compartir con ela pantalla de 120 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon 888 ou a experiencia de cámara Hasselblad, aínda que neste caso cun sistema de 3 sensores, en lugar dos catro da versión Pro.
Esta versión tamén está en prevenda, aínda que os pedidos anticipados non comezarán a distribuírse até o 14 de abril, e estando previsto o seu lanzamento final o día 26 de se mesmo mes. No caso da versión de 8 + 128 GB, o seu prezo é de 709 euros, mentres que o de 12+256 GB ascende aos 809 euros.
A lista completa de especificacións de ambos dispositivos pode consultarse nos seguintes enlaces:
Especificacións | OnePlus 9 | OnePlus 9 Pro | OnePlus Watch