realme anuncia o seu novo buque insignia, xunto cuns novos auriculares e smartwatch

O fabricante chinés realme, unha das marcas que maior crecemento está a ter nos últimos tempos, vén de presentar o seu novo buque insignia, o realme 8 Pro, un dispositivo que destaca pola súa cámara principal de 108 megapíxeles. Ademais, a compañía aproveitou o evento para anunciar a chegada de novos dispositivos AIoT, os auriculares realme Buds Air 2 e o smartwatch realme Watch S Pro.

realme 8 Pro

O novo realme 8 Pro é un dispositivo enmarcado dentro da gama media, que vén equipado cunha pantalla AMOLED de 6,4 polgadas e resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles). Ten un brillo máximo de 1000 nits para conseguir unha visualización óptima en exteriores, e unha frecuencia de actualización de 180 Hz.

No seu interior atopámonos cun dos procesadores máis completos dentro da gama media. Trátase do Qualcomm Snapdragon 720G, un chip de oito núcleos fabricado con tecnoloxía de 8 nanómetros. En canto ás súas capacidades, e aínda habendo dúas versións en función da RAM (6 ou 8 GB), no mercado español vaise comercializar unicamente o modelo máis potente, con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. Ademais, cómpre destacar que esta tarxeta microSD non sacrifica a segunda SIM, xa que conta cun sistema de triple slot para poder empregar dúas SIMs ao tempo cá tarxeta microSD.

realme pon o foco na cámara principal, traseira, que está composta por un total de catro sensores. O principal é o modelo Samsung de 108 megapíxeles polo que están a apostar diversos fabricantes, xa que ofrece uns resultados moi positivos dentro desta gama. Completando o sistema de cámaras temos un sensor ultra gran angular de 8 megapíxeles, outro macro de 2 megapíxeles e un cuarto sensor, tamén de 2 megapíxeles, monocromático. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara frontal de 16 megapíxeles.

Completando a folla de especificacións deste dispositivo temos unha batería de 4500 mAh de capacidade, compatíbel coa carga rápida de 50W. Ademais, na propia caixa do dispositivo inclúese un cargador de 65W para poder sacarlle todo o partido a este sistema e aproveitar os seus beneficios. Tamén leva NFC para pagos móbiles e Bluetooth 5.0.

realme Buds Air 2

realme tamén anunciou uns novos auriculares sen fíos económicos, os Buds Air 2. Veñen equipados co procesador R2 e Bluetooth 5.2. Para a cancelación de rúido apóstase por un sistema de dobre micrófono e tamén a presenza de ANC.

realme Watch S Pro

Por último, o realme Watch S Pro é un reloxo negro con correo intercambiábel de 22 mm. Dispón dunha pantalla de 1,39 polgadas con resolución (454 x 454 píxeles), batería de 420 mAh de capacidade (14 días de autonomía), conectividade Bluetooth 5.0 e sensor de 6 eixos.

Entre as súas funcionalidades, o dispositivo é quen de diferenciar diferentes exercicios, destacando ademais dos paseos e as carreiras en interior / exterior, o ciclismo, natación, baloncesto, ioga, cricket, etc.

Dispoñibilidade e prezo

O novo realme 8 Pro xa está dispoñíbel en precompra, podéndose mercar por 259 euros, mentres que os realme Buds Air 2 chegan cun prezo de lanzamento de 39,99 euros. Por último, o realme Wathc S Pro estará dispoñíbel desde o 29 de marzo por 109,99 €.

Sobre o autor

Reply