O Grupo MásMóvil, que aglutina marcas como MásMóvil, Yoigo ou Pepephone (entre outros), sacudiu onte á tardiña o mercado das telecomunicacións ao anunciar o lanzamento dunha Oferta Pública de Adquisición (OPA) polo 100% de Euskaltel, o grupo no que se integran, ademais da propia Euskaltel, a galega R Cable, a asturiana Telecable e Virgin Telco, a última marca deste grupo coa que están a competir no mercado estatal.
Se acaba por fructificar esta OPA, e as autoridades de competencia dan o seu visto e prace, o Grupo MásMóvil consolidaríase como o cuarto gran operador do Estado, eliminando o quinto, e sumando preto de 900.000 clientes ás súas cifras.
MásMóvil ofrece 11,17 euros por cada acción de Euskaltel, o que supón unha prima do 26,8% sobre o valor actual da compañía en bolsa, onde as súas accións cotizan a 9,59 euros. En total, a oferta ascende a preto de 2.000 millóns de euros, segundo o comunicado á CNMV, e contaría co respaldo do 52,32% do accionariado actual de Euskaltel, xa que Zegona Limited, Kutxabank, S.A e Alba Europe xa terían pactado o acordo con MásMóvil. Porén, a oferta está condicioanda a acadar cando menos un 75% da acción de capital para saír adiante.
A nova venda de R
Desde que foi fundada en 1.998, R cambiou varias veces de donos. Os seus primeiros accionistas, entre eles Unión Fenosa e Caixanova, non dubidaron en irse desfacendo da compañía, que en 2.010 sería vendida ao fondo CVC, que chegou a ter o 70% das accións. Cinco anos despois, en 2015, a operadora era vendida de novo, neste caso ao grupo Euskaltel, por 1.190 millóns de euros, sendo a fonte principal de beneficios do grupo vasco.
Despéxase a dúbida da fusión con Vodafone
O anuncio da OPA sobre Euskaltel despexa as dúbidas sobre o futuro de Vodafone. Nos últimos meses MásMóvil estivo tratando de chegar a un acordo con Vodafone nunha fusión que colocaría ao grupo como segundo operador, aínda que ambas compañías chocaron á hora de establecer o peso de cada unha no novo grupo.
Porén, nun intento á desesperada, MásMóvil tería ofrecido unha cifra final de 7.500 millóns de euros por Vodafone, xa non como proposta de fusión, senón como oferta de adquisición, algo que tería sido rexeitado polo accionariado da operadora vermella, ao supór ter nacido como un novo operador cunha débeda de 10.000 millóns de euros.
Coa xogada de Euskaltel, a xogada do grupo MásMóvil é a de posicionarse como cuarto operador para conseguir subir ao terceiro posto a base de crecemento orgánico, e non de talonario. Veremos en que queda a cousa.