Xiaomi continúa cos seus anuncios, e tras dar a coñecer antonte os novos integrantes da serie Mi 11, onte fixo o propio deixando todo o protagonismo para o seu primeiro smartphone pregábel, o Xiaomi Mi Mix Fold.
O Xiaomi Mi Mix Fold adopta un deseño en forma de U, e vén equipado cunha pantalla interna OLED flexíbel de 8,01 polgadas – a máis grande até o momento nun dispositivo destas características – con resolución WQHD+ e formato 4:3, cun brillo máximo de 900 nits. Externamente leva unha pantalla AMOLED de 6,52 polgadas, cunha taxa de refresco de 90 Hz e resolución HD+.
No apartado de son, Xiaomi mellorou o sistema de altofalantes duais en dispositivos anteriores para crear a primeira configuración de altofalantes cuádruples para smartphones. Trátase de altofalantes duais de deseño simétrico, colocados a ambos lados da pantalla, e con axustes profesionais a través de SOUND By Harman Kardon para ofrecer son envolvente 3D.
Por outra banda, no apartado de fotografía, o Mi Mix Fold estrea o procesador Surge C1, desenvolto por Xiaomi, para ofrecer un alto rendemento en pouco espazo de CPU, permitindo ás usuarias disfrutar grazas un algoritmo mellorado, de funcións automatizadas, como un enfoque máis preciso, niveis de exposicións ou balance de brancos, mellorando significativamente a calidade da imaxe.
Ademais, é o primeiro smartphone que incorpora a tecnoloxía de lente líquida, que emprega o principio da biónica do ollo humano, formando unha estrutura parecida a un lente cun fluído transparente envolto nunha película, moi diferente ás ópticas tradicionais. O ratio de curvatura da superficie esférica pode modificarse grazas a un motor de alta precisión baseado na tecnoloxía desenvolta por Xiaomi, que permite un zoom óptico de 3X, un teleobxectivo de até 30X e unha distancia mínima de enfoque de 3 cm. A cámara principal é de 108 MP, e leva tamén unha cámara gran angular de 13 MP cun impresionante campo de visión de 123 graos.
En canto á batería, inclúe unha pila de 5020 mAh de capacidade, capaz de cargar o 100% en 37 minutos. En realidade trátase de dúas baterías con capacidade de 2460 mAh e 2560mAh, unha estrutura que permite unha mellor provisión de corrente de 10A.
O procesador que integra é o Qualcomm Snapdragon 888, de 5 nanómetros, combinado coa memoria flash de alta velocidade UFS 3.1 e un sistema de refrixeración líquida. Poderase adquirir en tres versións: 12 + 256 GB, 12 + 512 GB ou 16 + 512 GB.
En canto á súa dispoñibilidade, poderase adquirir na China a partir do 16 de abril a través das canles oficiais de Xiaomi.