Máis aló de ser “A Meca” dos grandes almaces en liña, o xigante americano Amazon tamén é coñecido polas súas solucións hardware, onde fai unha aposta por prezos axustados – que aínda se axustan máis nas promocións propias, como nos “Prime Days” – e a achega de solucións para o gran público.
Nestes produtos hardware de fabricación propia destacan os eBooks, un segmento no que o fabricante leva traballando (case que) desde as súas orixes. Como evolución destes temos as tablets, onde ofrece alternativas bastante interesantes para quen precisa un produto sinxelo e funcional.
Precisamente, pola nosa mesa de análises vén de pasar unha das últimas tablets presentadas pola compañía, a Amazon Fire HD 8 (2020), un dispositivo sinxelo e versátil, pensado para o consumo de ocio e uso doméstico. A continuación verémola máis polo miúdo.
Deseño e acabados
A Amazon Fire HD (2020) é unha tablet que conta cun deseño bastante tosco. Toda ela está fabricada en plástico, e bordeando a súa pantalla temos uns marcos bastante anchos, que serven tanto para favorecer e facilitar o seu agarre como tamén para ofrecer unha sensación extra de robustez, algo a ter en conta se pensamos neste dispositivo como posíbel tablet infantil.

Tal e como está deseñada, a tablet está pensada para ser empregada horizontalmente, xa que cunha simple ollada vemos que todo está orientado con esa idea de fondo. Así, colocada deste xeito, tanto os botóns de acendido como os controis de volume, o conector USB-C ou o jack de auriculares quedan nun lateral.
No resto de marcos atopámonos cos altofalantes e o espazo no que podemos introducir unha tarxeta microSD e así ampliar memoria. A parte traseira está presidida pola cámara e o logotipo de Amazon debuxado en grande (non queda marxe para dúbidas de que estamos ante un produto da compañía), e na dianteira temos unha simple webcam para videochamadas.

En termos xerais, resulta unha tablet bastante lixeira, cómoda e doada de transportar. Por iso é un produto axeitado para desprazarse, tanto pola vivenda como se a empregamos para ler ou visionar vídeos en mobilidade, xa que pode gardarse nun peto grande dun abrigo ou bolso pequeno sen dificultades.
Hardware e rendemento
O seu prezo xa nos orienta para saber que non estamos ante un dispositivo demasiado potente. Se ollamos a súa ficha de especificacións vemos que integra un procesador bastante sinxelo, o MediaTek 8168, de catro núcleos e velocidade de 2 GHz. Xunto a el, acompañándoo, temos 2 GB de memoria RAM e opcións de 32 ou 64 GB de capacidade de memoria interna, que poderán ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.
Isto fai que a tablet resulte suficiente para un uso básico, como pode ser a consulta de redes sociais, lecturas en Internet, ebooks ou documentos; realizar videochamadas ou xogar a xogos básicos, así como consumir material multimedia. Agora ben, a súa limitación hardware fai que non sexa un trebello axeitado se queremos moita velocidade ou un produto ao que poder exixirlle moito máis.
Da ficha hardware temos que destacar tamén o sistema de audio, un punto forte do dispositivo. Certamente, a tablet compórtase moi ben, mesmo cando apuramos o volume, e é compatíbel co sistema Dolby Atmos, especialmente interesante para o consumo de vídeos ou películas.
Pantalla
Como adianta o seu nome, facendo spoiler, a Fire HD 8 incorpora un panel LCD IPS de 8 polgadas con resolución HD (1280 x 800 píxeles, densidade de 189 píxeles por polgada). Certamente é unha resolución un tanto baixa para os estándares aos que estamos afeitas a día de hoxe, e algo si que se nota.
Para un consumo multimedia a experiencia é decente, xa que mesmo decatándonos de que non se ve igual ca cando visionamos noutro tipo de pantalla, podemos considerala como pasábel. Agora ben, á hora de ler documentos ou webs, especialmente con tamaños de letra pequeno, a pantalla acusa certa borrosidade que fai que sexa algo incómodo / molesto ao cabo dun tempo.

Tampouco destaca especialmente polo seu brillo, o que fai que sexa un produto que desde o noso punto de vista sería máis recomendábel para uso en interior que por fóra, especialmente en lugares luminosos, xa que nestes a experiencia non nos pareceu tan positiva.
Software
Chegamos a un dos puntos relevantes desta análise. É a Amazon Fire HD 8 unha tablet Android? Si, mais non unha tablet Android ao uso. A Fire HD 8 vén con Fire OS 7.3, un sistema operativo desenvolto por Amazon baseado en Android 9 Pie, pero que fica totalmente enmascarado, e ademais non ten as Google Apps.
As opcións de personalización fican limitadas, para ofrecer ás usuarias unha experiencia “Amazon”, é dicir, facilitar o consumo e compras na plataforma da compañía, cun sistema de pestanas que nos dá acceso directo aos libros, vídeos, xogos e música nas plataformas de Amazon. Tamén temos unha pestana de “Inicio”, onde temos as aplicacións que teñamos instaladas.
Para instalar aplicacións, o modo directo é accedenndo á tenda de apps de Amazon, cuxo catálogo – malia ser extenso – non é nin de lonxe tan amplo como Google Play, e desde logo carece de moitas das aplicacións básicas ás que estamos afeitas. Quizais a falta máis importante sexa a das aplicacións de Google, HBO, Dropbox ou Firefox, entre outras.
Nalgúns casos, as aplicacións funcionarán igualmente se as descargamos dalgún repositorio en liña e temos habilitada a instalación desde “orixes descoñecidos”, mais noutros casos – como as de Google – non é así, ao precisar os Google Services.
Por iso este punto é un tanto crítico á hora de decidir se queremos esta tablet ou non. No noso caso, ao darlle durante as nosas probas para lecturas, multimedia, redes sociais e xogos, isto non foi un problema.
Batería
Aínda que Amazon non confirma a capacidade da súa batería e prefire falar en “tempo de uso”, varias publicacións expertas en desmontar este tipo de produtos falan de unha pila de entre 4800 e 5000 mAh. Sexa como fora, o certo é que a batería é un dos puntos máis fortes do dispositivo.
Nas nosas probas en uso mixto (multimedia, lectura, xogos…) superamos as 12 horas de uso conectados á rede WiFi, e nos achegamos as 14 horas con ela desconectada o 100% do tempo. En repouso, o consumo redúcese á mínima expresión, durando semanas sen apenas notarse.
O que si, non esperemos carga rápida, xa que unha carga completa co cargador incluído (de 5 W) leva preto das 4 horas, aínda que podemos reducir o tempo empregando cargadores máis potentes que teñamos na casa, por exemplo de 15 W.
Conclusións
Chegamos ao punto e final desta análise, e podemos concluír que para o seu prezo, a Amazon Fire 8 HD (2020) é un produto que cumpriu as nosas espectativas.
É certo que hai puntos mellorábeis, especialmente na calidade de pantalla ou a velocidade de carga da batería, pero as súas vantaxes e relación calidade – prezo fai que estas eivas queden nun segundo plano.
A batería, a súa robustez ou o seu son son puntos fortes nesta tablet doméstica que Amazon nos ofrece en dúas opcións de memoria (32 ou 64 GB) e coa opción de mercala con ou sen publicidade. Isto último implica que podemos aforrar algo na compra a cambio de que ter anuncios na pantalla de bloqueo, ou pagar algo máis para que isto non sexa unha molestia. En calquera caso, os prezos están bastante axustados e son os seguintes:
- Amazon Fire 8 HD (2020) – 32 GB (sen publicidade): 99,99 €
- Amazon Fire 8 HD (2020) – 32 GB (con publicidade): 114,99 €
- Amazon Fire 8 HD (2020) – 64 GB (sen publicidade): 129,99 €
- Amazon Fire 8 HD (2020) – 64 GB (con publicidade): 144,99 €