LG pecha o seu negocio global de telefonía móbil

O fabricante LG vén de anunciar esta madrugada o peche da súa unidade de negocio de móbiles. A decisión, adoptada hoxe polo Consello de Administración da compañía, víñase xestando nas últimas semanas, cando o fabricante abriu a porta a tomar esta decisión ou poñer dita unidade á venda. Finalmente, optou por pechar.

LG toma esta decisión despois de varios anos acusando perdas nesta unidade de negocio, cada vez máis competititva, e con este movemento aspira a poder adicar máis recursos a outras áreas de crecemento, como os compoñentes de vehículos, dispositivos conectados, smart home, robótica, intelixencia artificial e solucións e servizos B2B.

Logo desta decisión, LG non lanzará novos modelos de smartphone nin seguirá a producilos, mais nun comunicado a compañía afirma que os teléfonos LG xa producidos seguirán estando dispoñíbeis para a súa compra, con todas as garantías e funcionalidades actuais de aplicacións de terceiros intactas. Ademais, a compañía comprométese a seguir prestando soporte ás usuarias de produtos móbiles, así como a atención ao cliente e postvenda habituais, e respetando a política actual de actualizacións de software e sistema operativo.

Con todo, LG seguirá a desenrolar tecnoloxías relacionadas co sector móbil, como o 6G, para fortalecer a súa competitividade noutras áreas de negocio. Todas as tecnoloxías principais desenroladas durante as dúas décadas de operacións de LG no sector móbil manteranse e se aplicarán a produtos actuais e futuros.

Finalmente, LG confirma que a data prevista para o peche do negocio móbil da compañía será o 31 de xullo.

Sobre o autor

One Response

  1. Roi 5 Abril, 2021 Responder

Reply