A operadora Simyo, unha das marcas de Orange, continúa a mellorar o seu portfolio de tarifas móbiles, nunha aposta por ofrecer un gran volume de datos a prezo axustado. Faino ademais nun momento no que semella que a operadora matriz, Orange, estaría pensando en reformular a súa fórmula multimarca, mesmo tendo sobre a mesa a posibilidade de eliminar algunha, nomeadamente Amena.
As usuarias actuais ou nova clientela de Simyo poden escoller o volume de datos que máis se axuste ao seu consumo real, elixindo 100 MB, ou 7, 14, 25 ou 35 GB por 1, 4, 6, 9 ou 15,50 €/mes, respectivamente, que á súa vez poden combinarse con diferentes opcións de voz, dependendo da tarifa. Deste modo, Simyo sitúa por baixo dos 10 €, en concreto por 9 €/mes, os 25 GB de datos, unha cifra bastante acaída para as usuarias que fan un uso intenso do seu dispositivo.
A oferta tamén se traslada aos combinados de fibra e móbil, onde se poden elixir diferentes configuracións, con fibra de 100 ou 300 Mbps simétricos.