Durante as últimas semanas estivemos a probar o Samsung Galaxy S21, o modelo base desta icónica serie de Samsung, que nesta edición vén acompañada de dúas versións alternativas: o Galaxy S21 Plus, moi semellante e de maior tamaño, e o Galaxy S21 Ultra, que integra algunha que outra característica máis avanzada.
O Galaxy S21 é unha opción que a marca destina a aquelas usuarias que buscan un dispositivo de alta gama con boas prestacións, pero que ao tempo queren un trebello manexábel, que poder usar cunha soa man, algo cada vez máis difícil nun mercado que tende a que os dispositivos máis potentes e ambiciosos sexan tamén os de maior tamaño.
Deseño e acabados
Cómpre comezar falando de deseño. E se falamos de deseño, temos que dicir que o Galaxy S21 supón unha revisión profunda do S20, especialmente notorio na parte traseira co novo módulo de cámara. En certa maneira é semellante ao do Note20, pola súa maneira de destacar, pero ao tempo Samsung realizou un traballo de mellor integración no marco lateral, o cal nos pareceu todo un acerto á hora de valorar a fermosura xeal do dispositivo.
Tamén hai un cambio notorio no uso dos materiais, onde se prescinde do cristal – agás, obviamente, na pantalla – e apostando por unha combinación de aluminio (para os marcos e módulo de cámara) con plástico, para ofrecer unha sensación de dispositivo máis resistente, frío e menos esvaraío. Pode que sorprenda esta decisión nun modelo de gama alta, mais o certo é que Samsung traballou na calidades dos acabados para evitar precisamente esa sensación “low cost” que pode ter o plástico.
En canto á disposición dos diferentes elementos, Samsung apostou por situar toda a botoneira no mesmo lateral, o dereito, nunha posición bastante cómoda para acceder co polgar, volvendo ao que comentabamos na introdución, da aposta de uso cunha soa man. No marco inferior sitúase o altofalante principal, xunto co conector USB-C, un micrófono e a bandexa para a dobre SIM (que non para ampliación de memoria), mentres que na parte superior sitúanse outros dous micrófonos (en total ten 3). O lateral esquerdo queda libre.
Hardware e rendemento
O Galaxy S21 está equipado, na súa versión europea, co procesador de fabricación propia Exynos 2100 a 2,9 GHz, e GPU Mali G78 MP14. Comercialízase en dúas versións, ambas con 8 GB de RAM, pero ofrecendo a posibilidade de escoller entre 128 ou 256 GB de capacidade interna, aínda que non ampliábeis por microSD.
É un modelo dual SIM, que vén equipado co último en conectividade, destacando o 5G, a compatibilidade con WiFi 6E, Blueooth 5.0, NFC e USB tipo C 3.2, entre outros. Tamén leva lector de pegadas dixitais baixo a pantalla – que gana algo en precisión respecto a outros modelos de Samsung – e son ANT+, ademais de compatibilidade con DeX e ressitencia a líquidos e pó segundo o estándar IP68.
As melloras no rendemento co novo procesador supoñen un pequeno empuxón de velocidade con respecto á xeración anterior, presente por exemplo no Note20, pero sen que isto supoña dar un paso de xigante. Tamén, sobre o papel, supón un menor consumo de enerxía, aínda que na práctica, como veremos no apartado adicado a este aspecto, non se nota a nível usuario.
Pantalla
A pantalla é un panel de 6,2 polgadas Dynamic AMOLED 2X. Ten resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles), ratio 20:9, taxa de refresco de 120 Hz, compatibilidade con HDR10+ e protección Gorilla Glass Victus, contra pequenos golpes e as rabuñadas máis habituais (chaves, étc).
Ademais é un panel plano. Isto cómpre destacalo – para ben ou para mal, segundo a quen se lle pregunte – porque Samsung decidiu apostar neste modelo (e na versión Plus) por un panel sen curvatura lateral, logo de varios anos nos que foi “disimulando” a curva das pantallas.
A representación das cores destaca polo seu realismo, conseguindo uns resultados máis que satisfactorios, e coa vantaxe da alta taxa de refresco (120 Hz), para unha sensación de maior fluidez, que se pode regular de maneira adaptábel segundo o que esteamos a facer en cada momento e que non supoña unha sangría de batería innecesaria. Tamén é digno de pór en valor o seu alto nível de brillo, que permite un uso perfecto en entornos soleados.
A quen disfrute dos contidos multimedia no móbil gustaralle saber que é compatíbel con HDR10+, característica na que cada vez hai máis contidos, especialmente nas plataformas de VOD, e se hai que buscarlle un “pero” é unicamente non ofrecer unha resolución de pantalla maior, aínda que para o seu tamaño, resulta suficiente.
Cámara
A cámara é un dos aspectos diferenciais da versión base, o S21, e a versión Ultra. Neste caso estamos a falar dunha cámara triple na parte traseira, e única na frontal. Esta última é de 10 megapíxeles, con apertura f/2.2, amplitude de 80 graos e enfoque automático Dual Pixel.
Do outro lado, a cámara principal está equipada cun sensor principal de 12 megapíxeles con f/1.9, amplitude de 79º, estabilizador de imaxe óptica (OIS) e enfoque Dual Pixel; un sensor gran angular de 12 megapíxeles con f/2.2 e amplitude de 120º e un sensor telefoto de 64 megapíxeles con f/2.0, amplitude de 76º, zoom híbrido 3x, zoom dixital 30x e estabilizador de imaxe óptico (OIS).
A combinación destes tres sensores na parte traseira ofrece unha boa experiencia ás usuarias, permitíndolles sacar fotos de calidade na maioríadas situacións, algo no inflúe non só a calidade superior dos sensores, senón tamén a aplicación, que foi refinándose para facerse máis intuitiva, sinxela e útil, ao tempo que procesa mellor para uns resultados óptimos, tanto de día como de noite.
Destaca, igual ca noutros modelos da compañía recentes, o modo chamado “Captura única“, que toma imaxes con todas as cámaras para ofrecer alternativas ás usuarias sen complicarse ou pararse a elixir. Así mesmo, as usuarias con máis coñecemento poden facer uso do modo profesional (Pro) para axustar parámetros por separado para refinar a experiencia.
A cámara frontal destaca pola súa precisión, e tamén polo seu “modo retrato”, que consegue con gran precisión no recurte das persoas.
Tamén hai que pór en valor do S21 a gravación de vídeo, xa que o Galaxy S21 admite resolución máxima 8K, aínda que neste modo empeora a estabilización e se multiplica o espazo ocupado, algo máis de medio GB por cada minuto gravado, polo que salgo para cassos excepcionais recomendaríamos o uso de 4K (que permite ademais até 60 fps fronte os 24 fps do 8K). Pode gravar tamén en HDR10+, e por suposto en cámara rápida, lenta e superlenta.
Software
A nível software, o Samsung Galaxy S21 vén con Android 11, personalizado coa capa One UI 3.0 de Samsung, actualizado cos últimos parches mensuais de seguridade. Ademais, Samsung equipa aos seus modelos, como é habitual, de ferramentas propias e de terceiras (especialmente as aplicacións ofimáticas de Microsoft).
Destaca a integración con Windows 10 e Android Auto, así como tamén a presenza de Samsung DeX, por cable ou sen fíos. De DeX xa temos falado en varias ocasións, unha ferramenta que supón un importante pulo ao uso dos dispositivos como “ordenadores” de escritorio ao conectalos a unha pantalla ou televisor, coa posibilidade de empregar periféricos como ratos ou teclados.
Batería
A batería é de 4.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 25W e carga sen fíos de 15W. Ademais, como vén sendo habitual na gama alta de Samsung desde hai algún tempo, tamén admite carga sen fíos inversa de 4.5W, o que nos permite cargar outros smartphones (lentamente) ou accesorios tipo reloxos intelexentes ou Galaxy Buds.
Como avanzamos, as melloras na redución do consumo enerxético que ofrece o procesador non se trasladan á experiencia das usuarias. Malia termos enerxía abonda para rematar o día sen dificultades, isto non supón que cheguemos “sobradas”, sobre todo se somos de fedellar nos nosos dispositivos no sofá a última hora.
Si que é certo que o S21 acusa un baixo consumo enerxético en repouso, moi diferente ao alto consumo cando se lle exixe moita potencia, por exemplo durante unha partida a algún xogo. En calquera caso, a carga rápida funciona moi ben, permitindo un “chute” extra de enerxía con apenas uns minutos de enchufe.
Conclusións
O Samsung Galaxy S21 é un teléfono de gama alta, con todas as letras, moi equilibrado nas súas características e que destaca en moitos puntos (deseño, rendemento, pantalla, cámara….), e con algúns puntos que poderían mellorarse (batería, amplaición de memoria…).
Ao seu favor xoga tamén os eu prezo, por baixo dos 800 euros para a versión de 128 GB, o que fai que deba ser unha opción a considerar por todas aquelas que buscan un terminal punteiro cun tamaño e prezos contidos.