Durante varios anos Orange estivo a facerse con diferentes marcas de telefonía móbil e servizos converxentes, para aglutinar baixo o seu paraugas varias das compañías ás que estaba prestando servizo indirecto como OMV e concentrar así un maior número de clientes no Grupo. Sen dúbida as máis sonadas foron as adquisicións de Jazztel, Simyo e República Móvil, á que hai que sumar Amena, que se ben non foi unha compra, Orange soubo resucitar como OMV en 2012 unha marca á que a xente lle gardaba certo cariño nostálxico, por ser a orixinaria do grupo no noso país.
A chegada dun novo CEO do Grupo Orange a finais do ano pasado supuxo tamén un cambio de rumbo nesta estratexia de mercado, en boa medida pola perda de clientela en varias destas marcas secundarias e na propia Orange pola dura competencia, especialmente a feita por Lowi (Vodafone) e as diferentes marcas do Grupo MásMóvil. Así, en febreiro El País adiantaba nunha información que a compañía tiña previsto executar unha simplificación no seu catálogo comercial para centrar a súa oferta low-cost entorno a Simyo.
Sen que polo de agora – cando menos publicamente – haxa datas concretas para os peches de Amena e República Móvil, as dúas marcas que nun primeiro momento veranse sacrificadas, o certo é que Orange xa comezou a realizar cambios que apuntan nesa dirección, que de seguro rematará por trasladar á clientela cara o servizo de Simyo.
No caso de Amena, o primeiro sinal de alerta é o peche de Libon o próximo 30 de abril. Libon é un servizo que Amena viña ofrecendo ás súas usuarias desde o comezo da súa andaina, e a través del podían beneficiarse de 60 minutos gratis de voz IP que servían para realizar tanto chamadas nacionais coma internacionais ou en roaming.
Pola súa banda, o cambio de República Móvil é algo máis notorio xa que, segundo apuntan desde Movilonia, deixará de poder contratarse en tendas físicas desde o 30 de abril, malia que polo de agora pódese seguir contratando online.