Amazon anunciou a semana pasada a súa nova tablet Fire HD 10, un dispositivo propio destinado ao entretemento no fogar, no que a compañía apostou por mellorar o seu deseño cun corpo máis delgado e lixeiro, e toda unha serie de funcionalidades para axudar á clientela a menterse entretida e conectada.
A nova Fire HD 10 incorpora un procesador de oito núcleos a 2.0 GHz, que vén acompañado por 3 GB de RAM e opcións de 32 ou 64 GB de almacenaxe interna, que as usuarias poderán ampliar mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. A súa pantalla é un panel de 10,1 polgadas con resolución Full HD, leva unha cámara frontal de 2 megapíxeles para videochamadas e a batería aseguran que aporta até 12 horas de autonomía, aínda que non se confirma a capacidade que ten.
A tablet emprega o sistema operativo Fire OS, que como xa vimos recentemente na análise da Fire HD 8, non é unah versión Android ao uso, xa que prescinde dos servizos de Google e, polo tanto, tamén da Play Store e todas as aplicacións de Google. Pola contra, a través da tenda de aplicacións de Amazon, as usuarias poderán descargar as aplicacións de Microsoft, como Office, Outlook, Teams ou Dropbox, así como as das redes sociais máis habituais, que están dispoñíbeis de maneira oficial.
Nesta nova versión de FireOS, as usuarias poden facer uso da función de pantalla dividida, que permite empregar dúas apps ao tempo, como por exemplo consultar as redes sociais ao tempo que se ve unha película ou s se realiza unha videochamada.
Dispoñibilidade e prezo
A nova tablet de Amazon xa se pode mercar desde 149,99 euros, aínda que non se comezarán a enviar até o próximo 26 de maio. O listado de prezos completo é o que segue:
- Fire 10 HD de 32 GB (con publicidade): 149,99 €
- Fire 10 HD de 32 GB (sen publicidade): 164,99 €
- Fire 10 HD de 64 GB (con publicidade): 189,99 €
- Fire 10 HD de 64 GB (sen publicidade): 204,99 €
Xunto á tablet, as usuarias tamén poden facerse cunha funda orixinal, dispoñíbel en negro, lavanda, tela vaqueira ou verde oliva.