Android 12: cales son as súas novidades?

A semana pasada Google anunciou a beta de Android 12, a nova versión do seu sistema operativo que chegará de maneira oficial no mes de setembro, pero que xa se pode probar nun importante número de terminais. Os principais cambios teñen que ver co deseño e a incorporación de importantes melloras en materia de privacidade, algo que día a día cobra máis importancia polo papel que xogan os dispositivos nas nosas vidas.

A principal novidade en canto ao deseño é a aposta polo que Google chama Material You, a evolución de material Design. A interface aposta pola personalización de temas e paletas de cores, unificando ademáis a estética que escollamos coas propias aplicacións, facendo que sexan “únicas” para cada dispositivo.

Material You tamén elimina os bordes acentuados, redondeando botóns, iconas e teclados, e presenta novos deseños de widgets, cun novo de conversación, para mellorar a comunicación cun contacto principal.

Os cambios en materia de privacidade inclúen un histórico dos permisos empregados por cada aplicación e un indicador de privacidade, que nos pode alertar de se se están a usar características como o micrófono, a cámara ou a ubicación nun determinado momento.

Outras novidades de Android 12 resultan menos chamativas, porque xa as podemos disfrutar en varios fabricantes a través das súas respectivas capas de personalización, como o uso cunha soa man ou o sistema PiP (Picture in Picture), que nos permite empregar unha aplicación superposta a outra.

Android 12 está dispoñíbel en beta para diversos modelos de smartphone. Ademais dos Google Pixel, pódese probar en modelos de Asus, OnePlus, Oppo, Realme, Sharp, Tecno, TCL, Vivo, Xiaomi e ZTE.

Sobre o autor

Reply