Telefónica proba no túnel do Cereixal un modelo de estrada intelixente sobre 5G

Telefónica, en colaboración con Nokia, Ineco, Stellantis, CTAG e SICE vén de sensorizar e dotar de cobertura 5G o túnel do Cereixal, na A-6 (Lugo), o que supón un avance cara a estrada intelixente que se comunica cos vehículos conectados, ofrecendo así servizos avanzados de asistencia á condución. A operadora, xunto co resto de socios do proxecto, converteu este túnel no primeiro conectado de todo o estado.

O túnel intelixente envía información ás condutoras, informándoas das condicións meteorolóxicas á saída, obras, avisos da presenza de vehículos lentos, posíbel conxestión, accidentes, obstáculos na calzada, presenza de peóns, un vehículo ciruclando en sentido contrario ou unha freada brusca durante o traxecto polo mesmo, ademais do aviso de entrada dun vehículo de emerxencias.

Para facelo posíbel, empréganse as capacidades específicas para comunicacións vehiculares C-V2X (cellular vehicle-to-everthing) e sensorización IoT (Internet of Things) e edge-computing da rede 5G. Así mesmo, tanto os sensores (opacímetro, pavimento deslizante, visibilidade, estación meteorolóxica) como as cámaras instaladas (DAI, térmicas, detección de mercadorías perigosas, detección de vehículos eléctricos) permite monitorizar o estado do túnel, xerar información e enviala a unha ferramenta de monitorización para que os xestores da infraestrutura visualicen toda a información recollida polos sensores IoT, a analicen e, se fose preciso, emitan alertas e avisos aos vehículos que o transitan.

No piloto, ademais, desenrolouse unha aplicación que pode instalarse nun smartphone 5G para que os condutores reciban avisos aínda que o seu vehículo non leve TCU instalada, o que incrementa o número de vehículos conectados co túnel.

En canto ao resto de socios de Telefónica neste proxecto, Nokia aporta ao proxecto a infraestrutura de conectividade extremo a extremo, incluíndo os equipos radio 5G Nokia AirScale, o core virtualizado 5G, un servidor MEC e o Nokia 5G FastMile Gateway despregado no túnel como router 5G.

CTAG como centro tecnolóxico especializado e líder en mobilidade conectada, integrou nos vehículos prototipo os seus desenvolvementos en sistemas cooperativos, que inclúen tanto a unidade de comunicacións 5G embarcada, como os distintos servizos cooperativos C-V2X que foron desenrolados tamén polo CTAG. Así mesmo, tamén despregou un servidor ITS no MEC para permitir a comunicación entre a infraestrutura e os vehículos.

Stellanis aporta a visión do condutor en canto a especificacións técnicas e integración no vehículo sobre os 3 demostradores utilizados no proxecto (DS7, DS4 e Peugeot Traveller), mentres que SICE responsabilizouse da integración de sensores medioambientais, cámaras de detección de incidencias e lectores de matrículas e mercadorías perigosas, dentro do propio túnel e nos seus arredores.

Sobre o autor

Reply