Huawei anunciou novos produtos baseados en HarmonyOS 2

O fabricante chinés Huawei celebrou onte un evento para dar a coñecer un conxunto de reloxes intelixentes e tablets baseadas no seu novo sistema operativo HarmonyOS 2, tras o veto a usar Android. Entre estes produtos inclúese a serie Huawei Watch 3 e Huawei MatePad Pro.

Ademais, Huawei tamén anunciou os novos Huawei FreeBuds 4, os seus auriculares sen fíos Bluetooth de última xeración, con adaptación aberta e cancelación de ruído activa (ANC), así como dous monitores de gama alta, os Huawei MateView e MateViewGT. No evento, o fabricante tamén anunciou que outros 100 dispositivos Huawei actualizarán a HarmonyOS 2.

E é que HarmonyOS foi deseñado como unha linguaxe común a través da cal dispositivos de diversa índole poden conectarse e colaborar, co obxectivo de ofrecer ás usuarias unha experiencia máis cómoda e uniforme. Para iso emprega tecnoloxía distribuída para satisfacer as variadas necesidades de todo tipo de dispositivos diferentes cun único sistema, o que permite un despregamento flexíbel segundo sexa necesario.

Huawei Watch 3

O novo reloxo intelixente insignia de Huawei, a serie Watch 3, conta cunha pantalla de vidro curvado e unha caixa de aceiro inoxidábel 316L, e vén equipado cunha coroa 3D xiratoria capaz de detectar distintos niveis de presión, ao tempo que proporciona unha resposta háptica ás accións das usuarias.

Emprega HarmonyOS 2, integrándose cos smartphones Huawei para actuar coma un asistente de viaxe que permite acceder á funcionalidade do smartphone desde o pulso, ou como un asesor profesional de fitness e saúde compatíbel con máis de 100 modos de exercicio. Entre as novidades neste aspecto destaca a monitorización da temperatura da pel e as funcións de detección de caída para realizar chamadas de socorro.

O modelo Watch 3 Pro está equipado cunha batería de longa duración, que ofrece cinco días de funcionamento en modo intelixente e 21 días en modo de batería ultraprolongada, mentres que o modelo estándar acada os 3 e 14 días para os diferentes modos, respectivamente.

Huawei MatePad Pro

A nova tablet de Huawei vén equipada cunha pantalla OLED FullView de 12,6 polgadas e unha relación pantalla – corpo do 90%. Ofrece unha relación de contraste ultraalta, de 1000000:1, e admite unha gama de cor DCI-P3.

No seu interior vén equipada con procesadores da serie Kirin 9000 de Huawei, e é compatíbel coa conexión cunha pantalla para o seu uso como tableta gráfica. Tamén é compatíbel co lapis de segunda xeración, presentado onte, o Huawei M-Pencil, que conta cunha nova punta recuberta de platino para unha escritura de alta precisión e latencia ultrabaixa, capaz de detectar 4096 puntos de presión.

Huawei P50

Aínda que non foi presentado onte, Huawei deixou ver algo da nova serie de smartphones Huawei P50, na que é a primeira imaxe oficial que se ve. Con todo, e malia que hai meses que deberan ter sido presentados segundo o calendario habitual de Huawei, aínda haberá que esperar algún tempo máis para descubrilos.

O que destaca da nova serie é a presenza de dous módulos enormes para as cámaras, que fan pensar na aposta por unha gran resolución, aínda que haberá que ver como se concreta o uso das das cámaras para ver que ofrecen de diferente.

Sobre o autor

Reply