O DNI 4.0 chegará en agosto, e poderemos levalo no móbil

O Ministerio do Interior confirmou esta semana que o DNI 4.0 estará dispoñíbel a partir do 2 de agosto. Trátase da última versión do documento de identidade empregado polo Estado español, que trae como principal novidade a creación dun documento de identidade dixital, o que permitirá a calquera persoa identificarse empregando o seu smartphone, e sen necesidade de ter que levar enriba o documento físico.

A dixitalización do carné de identidade será semellante á que actualmente ofrece a aplicación da Dirección Xeral de Tráfico, e terá unha aplicación propia – Android ou iOS – para a súa xestión, aínda que certas fontes apuntan a que nun futuro podería traballarse na posibilidade da exportación a un “moedeiro dixital” que nos permitise ter nunha única aplicacións tarxetas de identificación e de pago, algo que sen dúbida facilitaría a vida ás usuarias.

A actualización ao novo DNI enmárcase dentro dunha estratexia europea para pór en marcha un DNI Europeo, en cumprimento do Regulamento UE 2019/1157 do Parlamento Europeo e do Consello do 20 de xuño de 2019, de obrigado cumprimento para os Estados da UE a partir do próximo 2 de agosto.

Entre os cambios introducidos, o novo DNI inclúe a denominación en inglés – National Identity Card – e no anverso engade o código de dúas letras de identificación do Estado – ES no caso do Estado español – en negativo, sobre un rectángulo azul e rodeado de doce estrelas amarelas.

Segundo denuncia A Mesa pola Normalización Lingüística, o novo DNI que se empregará no Estado español excluirá o galego, unha conquista dos anos 90 que agora semella que se perderá. A asociación xa anunciou o rexistro dunha queixa dirixida ao Ministerio do Interior sobre esta cuestión.

Sobre o autor

Reply