Vodafone anunciou estes días o terceiro dispositivo da familia de produtos “Designed & Connected by Vodafone”, o novo Curve Bike Tracker, un dispositivo que nace para incrementar a seguridade das ciclistas, incluíndo como principais vantaxes unha luz de freo intelixente que responde dinamicamente á velocidade, ademais de localización, alarma e detección de impactos para casos de accidentes.
O novo dispositivo posúe unha luz LED ultrabrillante con tres modos de luz, que se ilumina automaticamente ao frear, ofrecendo ás ciclistas percorridos máis seguros a calquera hora do día. Por outra banda, no seu interior integra unha Smart SIM conectada á rede global de Vodafone, que xunto co GPS proporciona a posición precisa da bici – e ciclista -a garantindo a seguridade.
O modo seguridade alerta dos movementos, activando unha alarma de 107 dB se a bici comeza a moverse, ao tempo que envía alertas de ubicación directamente ao teléfono, o que permite rastrexar a súa localización en tempo real a través da Vodafone Smart App. Co localizador GPS, o ciclista pode ver cada percorrido na aplicación, así como a súa distancia e duración.
Por outra banda, a detección do impacto e as alertas de axuda tamén permiten notificar aos contactos de confianza da ciclista se detecta unha caída, enviando unha notificación push, un SMS ou realizando unha chamada automática para indicar onde se atopa o ciclista.
Dispoñibilidade e prezo
Curve Bike Tracker está dispoñíbel para clientes de calquera operador, e xa se pode adquirir nas canles dixitais de Vodafone. Proximamente estará dispoñíbel tamén en tendas físicas de Vodafone, Amazon e El Corte Inglés.
Como promoción de lanzamento, Vodafone ofréceo á súa clientela por 4 €/mes durante 24 meses, incluíndo o dispositivo e a suscrición ao servizo ou 48 € e 2 €/mes, se se opta por pagar o dispositivo ao contado coa suscrición mensual ao servizo.
O resto de clientes poden mercalo a través da tenda de Vodafone por 94,90 € con 6 meses de servizo incluído. Logo deses seis meses, o prezo da suscrición será de 2 €/mes.