Microsoft anunciou onte que xa podemos reservar no noso país a nova Surface Duo, o único dispositivo da familia Surface que conta con dobre pantalla, co obxectivo de incrementar a produtividade, especialmente pensando en clientes empresariais e no ámbito educativo.
A Surface Duo reúne nun mesmo dispositivo as ferramentas de produtividade software de Microsoft, coas aplicacións Android e un deseño que nos lembra aos terminais encartábeis, aínda que neste caso co truco de ter dúas pantallas de 5,6 polgadas que grazas a unha bisagra de 360 graos permite despregar unha superficie total de 8,1 polgadas e unha resolución de 2700 x 1800 píxeles.
Esta dobre pantalla permite múltiples xeitos de traballo, que van desde o uso de ambas como se fosen un único panel a manter dúas aplicacións abertas á vez, aínda que tamén se pode teclear nunha pantalla mentres se visualiza o contido na outra ou se permite arrastrar elementos entre ambas.
En canto a deseño, ten un grosor de 9,9 mm cando está encartado, que quedan en 4,8 ao estar en modo pantalla completa. Pesa 250 gramos e conta con lector de pegada dixital, USB-C 3.1 para carga rápida de 18W ou saída de vídeo, cámara de 11 megapíxeles con apertura 2.0 e posibilidade de gravación de vídeo en 4K.
Dispoñibilidade e prezo
O prezo de partida da nova Surface Duo é de 1549 euros, estando dispoñíbel a través dos distribuidores habituais nos que se comercializan os produtos de Microsoft, e proximamente tamén na Microsoft Store, onde se pode reservar desde agora en MSDirectES@microsoft.com.