Nokia segue apostando polos básicos co novo Nokia C01 Plus

Nokia vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone de categoría entrada, o Nokia C01 Plus. Trátase dun terminal moi sinxelo, destinado a todas aquelas usuarias que non queiran gastar moito nos seus trebellos, e que de momento está enfocado nos países de Europa do Este, a esperas de que a marca poida confirmar a súa presenza noutros mercados coma o noso.

O novo Nokia C01 Plus está e equipado cunha pantalla IPS de 5,45 polgadas con resolución HD+ (720p), e no seu interior alberga un procesador UNISOC SC9863a de oito núcleos a 1,6 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.

Leva dúas cámaras sinxelas, de 2 megapíxeles cada unha, tendo a traseira unha distancia focal de f/2.4. No apartado da conectividade, leva WiFi b/g/n, 4G, Bluetooth 4.2, GPS / A-GPS e radio FM, dispoñíbel a través do jack de auriculares de 3.5 mm.

O seu sistema operativo é Android 11 Go, é dicir, a versión de Android destinada a aqueles terminais cunhas características técnicas máis sinxelas, polo que tamén traerá as versións Go das aplicacións máis típicas do ecosistema Google, co obxectivo de non ver sacrificado o rendemento.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Nokia C01 Plus púxose á venda en Rusia por algo menos de 80 euros ao cambio, aínda que polo de agora sen que o fabricante dese máis información sobre os seus plans para facelo chegar a outros mercados arredor do mundo.

Sobre o autor

Reply