O Nokia X10 xa está dispoñíbel no noso país

O fabricante Nokia vén de anunciar a posta á venda do Nokia X10 no noso país, avanzando na estratexia da marca de ofrecer uns trebellos económicos dotados de conectividade 5G, co obxectivo de democratizar o acceso a esta nova tecnoloxía de conexión.

O novo terminal de Nokia incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 480 de oito núcleos, e a única versión que se vende no noso país – de momento – leva unha RAM de 6 GB e unha memoria interna de 64 GB, ampliábeis por microSD (aínda que tamén existen versións de 4 + 64 GB e 6 + 128 GB).

A súa pantalla é de 6,57 polgadas, con resolución FHD+ (2400 x 1080 píxeles), tecnoloxía LCD, frecuencia de 60 Hz, relación de aspecto 20:9 e un brillo máximo de 450 nits. Dispón de conectividade 5G, USB-C, sensor de pegadas dixitais, Bluetooth 5.0, NFC e unha batería de 4470 mAh de capacidade e carga rápida de 18 W.

En canto á fotografía, na frontal temos un sensor de 8 megapíxeles, mentres que na parte traseira leva unha cámara cuádruple formada por un angular de 48 Mpx, un gran angular de 5 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e un sensor de profundidade tamén de 2 Mpx.

Por último, como sistema operativo leva Android 11, coa vantaxe – como o resto de modelos de Nokia – de empregar unha versión sen moita personalización, o que permite ás usuarias desfrutar dunha experiencia practicamente idéntica a Android stock.

Dispoñibiilidade

O novo Nokia X10 xa se pode mercar no noso país a través da web de Nokia por 299 euros en cor “bosque” (unha sorte de verde), e proximamente chegará tamén en cor “neve”. Como oferta de lanzamento, as usuarias recibirán de regalo uns auriculares Nokia Power Earbuds Lite.

Sobre o autor

Reply