Motorola Defy, un terminal robustecido para o día a día

A familia dos smartphones robustecidos vén de recibir un novo compoñente. Chámase Motorola Defy, e é o resultado dunha estreita colaboración entre Motorola e Bullitt Group, unha coñecida empresa especializada en deseño de teléfonos resistentes, que tivo como obxectivo crear un teléfono robusto que á vez estivese destinado ao uso diario.

Deste xeito, o novo trebello de Motorola é un terminal resistente á auga, certificado polos estándares da industria (IP68), podendo ser somerxido en profundidades de até 1,5 metros durante 35 minutos, grazas en boa medida á súa cuberta de dobre selado. Adeamis, é quen de soportar caídas de até 1,8 metros, e está certificado cos estándares militares (MIL SPEC 810H), polo que foi sometido a probas de resistencia a temperaturas extremas, vibracións e caídas.

A súa pantalla é un panel de 6,5 polgadas con resolución HD+, protexido mediante Corning Gorilla Victus de 0,7 mm. No seu interior leva un procesdor Qualcomm Snpadragon 662, de oito núcleos a 2.0 GHz e GPU Adreno 610, que está acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Leva 5.000 mAh de batería, con sistema de carga rápida TurboPower de 20W mediante USB de tipo C, NFC para pagos móbiles, lector de pegadas dixitais, jack de auriculares de 3.5 mm, Bluetooth 5.0 e algunha característica interesante máis, como a compatibilidade co sistema de VoWiFi.

A súa cámara principal é de 48 MP con f/1.8, que se completa con dúas cámaras adicionais de 2 MP, unha de profundidade e outra macro. Na parte frontal incorpora unha cámara de 8 MP.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Motorola Defy chegará ao mercado europeo nas próximas semanas cun prezo de 329 euros, e se poderá mercar a través desta páxina web https://motorolarugged.com/

Sobre o autor

Reply