Microsoft presenta Windows 11

Microsoft anunciou na tarde de onte Windows 11, a nova versión do seu icónico sistema operativo, empregado por máis de mil millóns de persoas en todo o mundo. Quizais por iso, e quizais tamén porque no último ano e medio os dispositivos serviron para conectarnos de outro xeito coas persoas que nos rodean, a expectación ante este lanzamento era máxima.

Windows 11 chega con novidades, destacando dous aspectos. O primeiro, estético, cun novo botón de inicio centrado que desprega un menú flotante, o que aporta unha sensación de maior fluídez, mais tamén coa integración de especificacións de carácter máis funcional, onde debemos pór en valor a integración das aplicacións Android, a través da Microsoft Store e que se poderán descargar tamén desde a tenda de apps de Amazon.

Outra característica na que Microsoft puxo o foco na súa presentación é na de ofrecer unha experiencia unificada a través de todos os dispositivos das usuarias, xa que o botón de inicio apóiase na nube e Microsoft 365 para amosar os arquivos recentes, con independencia da plataforma – mesmo Android iOS – na que se estaban empregando anteriormente, o que acabará por facilitar que moita xente acabe pasando por caixa coa subscrición a dito servizo para poder desfrutalo.

Os novos Snap Layouts, Snap Groups e xestión de Escritorios en Windows 11 facilitan a multitarefa para que cada usuaria poida axustar o seu espazo de traballo ás necesidades que teña en cada momento, de maneira que se poden organizar as ventás e optimizar o espazo en pantalla cun deseño visualmente limpo. Tamén se integra Teams directamente na barra de tarefas, e aparecen os Widgets, cun feed personalizado impulsado por IA que trae a información máis relevante para cada usuaria directamente ao seu escritorio.

Dispoñibilidade

O novo Windows 11 estará dispoñíbel a través dunha actualización gratuíta para os equipos con Windows 10 que cumpran cos seus requirimentos, e tamén en novos PCs desde finais deste ano.

Quen queira comprobar se o seu equipo será compatíbel coa nova versión de Windows pode descubrilo xa descargando a aplicación Windows PC Health Check desde este enlace.

Sobre o autor

Reply