No mundo da tecnoloxía estamos moi afeitas ás filtracións dos produtos semanas antes do seu lanzamento, e a día de hoxe raro é o dispositivo do que non aparecen imaxes, vídeos ou follas de especificacións para ir abrindo boca. Samsung vén de ser de novo obxecto destas filtracións, ao aparecer as imaxes oficiais dos novos Galaxy Watch 4, tanto na súa versión clásica (Classic) como na máis deportiva (Active). Ambos os dous modelos esperábanse para este Mobile World Congress que se está a celebrar estes días, aínda que finalmente non foron presentados nesta cita.
O novo Galaxy Watch 4 non trae consigo grandes cambios de respecto o seu predecesor, o Watch 3, e conserva a compatibilidade coas correas de reloxo tradicionais de 20 mm, o que multiplica as posibilidades de personalización ás usuarias. Chegará ao mercado en tres tamaños de esfera (22, 44 e 46 mm respectivamente), e estará dispoñíbel en tres cores: negro, branco e gris.
É algo máis groso que a versión deportiva, o Galaxy Active 4, e dispón de dous botóns fisicos e bisel xiratorio, que nos permite morvérmonos polas diferentes aplicacións á hora de xesionar o reloxo. Ademais, a filtración confirma tamén que os modelos de aceiro inoxidábel terán protexida a pantalla con Gorilla Glass DX, mentres que os de aluminio levarán Gorilla Glass DX+. Todos eles veñen con resistencia á auga de até 5 bares.
Pola súa banda, o Galaxy Watch 4 Active é moito máis minimalista que a versión clásica, eliminando o bisel xiratorio. Chega en dous tamaños de esfera, 40 e 44 mm, e está fabricado en aluminio, con varias cores na parte metálica en combinación coa correa que trae de fábrica, que como sempre, será intercambiábel.
Nova versión sistema operativo
Ambos os dous reloxos estrearán a nova versión do sistema operativo, resultante da unión entre Wear OS, o sistema de Google, e Tizen, o de Samsung. Chamarase One UI Watch, que traerá novas vantaxes para as usuarias, como a autoinstalación de aplicacións instaladas no teléfono, melloras na personalización de zonas horarias ou bloqueo simultáneo de chamadas no reloxo e smartphone de maneira sinxela, para non ter que repetir a operación en ambos dispositivos.
Ademais, poderanse descargar aplicacións tamén desde a Google Play ao Galaxy Watch, e se crean novas ferramentas para desenvolvedores á hora de crear novas esferas.