O fabricante de reloxos Fossil anunciou esta semana a chegada dun novo modelo de smartwatch, o Fossil GEN 5 LTE, que inclúe como principal novidade a conectividade LTE, unha característica que permite ás usuarias realizar chamadas e enviar SMS desde o propio reloxo, xa que incorpora o sistema de tarxeta SIM dixital (eSIM), aínda que de momento só é compatíbel con Orange.
O dispositivo leva no seu interior o procesador Qualcomm Snapdragon Wear 3100, un modelo coñecido por estar especialmente deseñado para dispositivos wearables, e como sistema operativo leva Wear OS de Google. Dispón de 8 GB de capacidade de memoria interna para a almacenaxe de datos, 1 GB de memoria RAM e toda unha ampla gama de sensores, entre os que se inclúen o sensor de ritmo cardíaco, NFC, GPS, altímetro, acelerómetro, xiroscopio, luz ambiental, micrófono e altofalante.

En canto ao seu deseño, o novo Fossil GEN 5 LTE preséntase en dúas versións, un equipado cunha correa negra combinada cunha caixa de aceiro inoxidábel de cor antracita, e outro con correa rosa cunha caixa en ton ouro rosado, aínda que as correas son intercambiábeis por modelos de medida estándar que podemos atopar en calquera reloxería.
A caixa do trebello é de 45 mm, e a súa pantalla dixital táctil de 1,3 polgadas. A duración da batería estímase nunhas 24 horas para uso intenso, aínda que pode aguantar varios días en modo de duración prolongada, isto é, limitando as súas funcionalidade. É resistente á auga, até 3 ATM, e leva tamén conexión Bluetooth para vincularse co noso smartphone.

Dispoñibilidade e prezo
O Fossil GEN 5 LTE sae ao mercado cun prezo de venda de 369 euros, e se pode mercar directamente na web do fabricante (fossil.com), en 14 puntos de venda de El Corte Inglés, na web de Orange e en 45 puntos de venda desta mesma operadora.