Samsung fixo onte o anuncio da chegada a Europa do novo Samsung Galaxy M32, a última incorporación á serie Galaxy M. Trátase dun dispositivo que destaca por incluír entre as súas características unha pantalla Infinity-U SuperAMOLED de gran tamaño, cámara principal cuádruple e unha batería de 5.000 mAh para ofrecer ás usuarias unha autonomía á altura das necesidades máis exixentes.
A súa cámara principal está formada por un conxunto de catro sensores, pensando en dar resposta ás diferentes situacións coas que se pode atopar unha usuaria no seu día a día. Así, o lente principal é un angular de 64 MP, que está acompañado de outro angular de 8 MP para tomar fotos cunha vista de 123 graos, e completando o sistema dous sensores adicionais de 2 MP, un de tipo macro e outro de profundidade. Polo outro lado, na parte frontal do dispositivo temos unha cámara única de 20 MP.

O frontal do dispositivo presídeo unha pantalla de 6,4 polgadas, con resolución FHD+ e frecuencia de 90 Hz. No seu interior temos un procesador MediaTek Helio, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, que en todo caso poden ser ampliados a través de tarxetas microSD cunha capacidade máxima de 1 TB.
Dispón de lector de pegadas dixitais e sistema de recoñecemento facial, para poder desbloquear o teléfono sen ter que andar introducindo códigos ou contrasinais. Tamén leva NFC para pagos móbiles, conector USB-C e sistema de carga rápida.

Dispoñibilidade
O novo Samsung Galaxy M32 estará dispoñíbel até o 18 de xullo en exclusiva a través de Amazon, cun desconto de 50 € sobre o seu prezo habitual, ao quedar nos 279 €. Pasado este tempo promocional chegará tamén á tenda en liña de Samsung, cun prezo de 329 €.