Orange e Vodafone destacan en velocidade 5G tras o último estudo de Systemics-PAB

O despregamento das redes 5G está a centrar as estratexias de marketing das grandes operadoras, como un elemento diferencial fronte á competencia, sobre todo os operadores virtuais, aínda que polo de agora estamos nunha fase bastante prematura. Como xa temos comentado en varias ocasións, actualmente as redes 5G comerciais que hai no noso país nestes momentos son redes 5G NSA, é dicir, baseadas nun estándar que aproveita os despregamentos de 4G para ofrecer algunhas melloras de conectividade, sobre todo en termos de velocidade e latencia. Porén, a verdadeira explosión do 5G será coa chegada das redes 5G SA, das cales de momento só temos redes en probas.

O panorama actual amosa dúas grandes estratexias no Estado español. Por unha banda temos a Orange e Vodafone, centradas en ofrecer unha rede 5G con máis velocidade, apostando por ensinar ás usuarias algunhas vantaxes do 5G, e pola outra a de Movistar, que centra os seus esforzos en ofrecer 5G en moitas máis ubicacións, aínda que menos diferencial, xa que as velocidades da súa rede son moi semellantes – e en ocasións inferiores – ás da rede LTE da propia compañía.

Segundo o último estudo de Systemics – PAB realizado no Estado español, Orange e Vodafone destacan, por moito, fronte Movistar en termos de velocidade media. Son as conclusións realizadas por esta empresa europea con sede en Varsovia especializada en proporcionar estudos e medicións exhaustivas da calidade dos servizos de rede, logo dunhas probas realizadas entre o 11 e o 26 de maio en varias cidades.

Este estudo conclúe que a rede de Orange é a máis rápida das tres probadas en descarga, cunha velocidade promedio de 156,6 Mbps, seguida de Vodafone, que practicamente empata. Algo semellante ocorre coas velocidades de carga, aínda que neste caso Vodafone encabeza o ránking, con velocidades medias de 37,4 Mbps, seguido por Orange con 34 Mbps.

Nas probas dos picos de velocidade a rede de Orange impúxose fronte a competncia, acadando 623 Mbps de velocidade, fronte Vodafone, con 506 Mbps, e ambos os dous moi distanciados de Movistar, que apenas chegou aos 305 Mbps. Hai que ter en conta que este dato de pico é, en termos do estudo, bastante menos relevante, xa que non é difícil atopar nas redes probas de velocidade das usuarias destas compañías con velocidades pico superiores, que en calquera caso non son unha mostra do comportamento medio da rede.

As probas de navegación web amosaron unha eficiencia semellante no comportamento das redes de Vodafone e Orange, co 97%, mentres que a rede de Movistar rexistrou 10 puntos menos. Por outra banda, nas probas do servizo de vídeo, empregando YouTube, Vodafone impúxose cunha puntuación de case o 99%.

Máis información | Estudo Systemics-PAB

Sobre o autor

Reply