O próximo Galaxy Unpacked será o 11 de agosto

Xa hai data, de maneira extraoficial, para a celebración do próximo Galaxy Unpacked, o evento no que Samsung anunciará os seus novos dispositivos de gama alta. Será dentro de apenas un mes, o próximo 11 de agosto, e ese día está previsto que a compañía anuncie os novos terminais encartábeis, o Galaxy Z Fold 3 e Galaxy Flip 3, ademais do Galaxy S21 FE, e seguramente outros trebellos, como os novo Watch e outros accesorios, tablets ou wearables.

Será unha edición marcada pola crise que se está a vivir na produción de microprocesadores, e que está afectando a todo o sector da electrónica de consumo, como ben sabemos en Galiza, onde empresas como Stellanis – antiga PSA Peugeot Citroën – víronse obrigadas a reducir, e mesmo parar, a produción de vehículos en varias ocasións nas últimas semanas.

No caso de Samsung, esta crise obrigou a replantexar a súa estratexia de dispositivos, e o anuncio de dous modelos de gama alta, os modelos encartábeis Z Fold 3 e Flip 3 obrigarán a pospoñer un novo Galaxy Note, que semella que non teremos este ano, tal e como confirmaba hai unhas semanas o CEO de Samsung, Koh Dong-jin: “A serie Note está posicionada como un modelo de alta gama no noso portfolio. Sería moita carga desvelar dous modelos insignia nun ano, polo que sería difícil lanzar un modelo Note durante a segunda metade de ano. Os períodos de lanzamento dos Note poderían mudar, pero buscamos lanzar un novo Note o ano que vén”.

O lanzamento dos novos Galaxy Z Fold 3 e Galaxy Flip 3 aspiran a seguir posicionando a Samsung nesa nova gama de terminais encartábeis que ofrecen algo diferente ás usuarias, sendo nestes momentos o fabricante que máis ten avanzado neste segmento.

Sobre o autor

Reply