A Huawei MatePad 11 con M-Pencil de 2ª xeración xa se pode mercar no noso país

O fabricante chinés Huawei vén de anunciar a posta á venda no noso país da Huawei MatePad 11, a primeira tablet da compañía con HarmonyOS 2, o sistema operativo propio desenrolado por Huawei que está baseado en Android. Trátase dun dispositivo que incorpora unha pantalla de 11 polgadas con resolución WQXGA (2560 x 1600 píxeles) e taxa de refresco de 120 Hz, que está equipada co M-Pencil de 2ª xeración, unha combinación de características que fai deste trebello un modelo interesante para as usuarias que buscan un dispositivo no que tomar notas “manuais” ou debuxar e deseñar.

No interior deste modelo temos o procesador Qualcomm Snapdragon 865, de oito núcleos (1 x Cortex-A77 a 2,84 GHz + 3 x Cortex-A77 a 2,4 GHz + 4 x Cortex-A55 a 1,8 GHz), 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. A súa cámara traseira é de 13 MP, con apertura de f/1.8, enfoque automático e flash LED, mentres que a frontal é un sensor de 8 MP con apertura f/2.0.

Leva unha batería de 7250 mAh de capacidade, con cargador USB-C e carga rápida de 10 V. A súa conectividade vén dada polo novo estándar de WiFi 6 (802.11 a/b/g/n/ac/ax 2*2 MIMO nas bandas de 2,4 e 5 GHz), Bluetooth 5.1 con audio BLE e ubicación ofrecida polos sistemas GPS, GLONASS, BeiDou, GALILEO e QZSS.

Dispoñibilidade e prezo

A nova Huawei MatePad 11 véndese co M-Pencil incluído na configuración de 6 + 128 GB, que xa está dispoñíbel na Huawei Store, tendas oficiais da marca, MediaMarkt, Fnac e Amazon, incluíndo ademais a funda con teclado e o rato sen fíos até o final do mes por 499 €.

Ademais, tanto nas tendas oficiais coma en Amazon, e até finais de mes, as usuarias poderán adquirir tamén a nova Huawei MatePad 11 na configuración de 6 + 64 GB por 399 €, con regalo dunha funda protectora.

Sobre o autor

Reply