O fabricante Vivo anunciou a chegada ao noso país do Y52 5G, un dispositivo enmarcado na gama media, pero que presume de contar con certas especificacións que fan que sexa un modelo interesante para todas aquelas usuarias que non queren gastar moito e, ao tempo, non están dispostas a renunciar a certas prestacións.
O novo Vivo Y52 5G é un modelo que incorpora unha pantalla de 6,58 polgadas. Trátase dun panel IPS LCD, con formato 20:9, resolución FullHD+ de 2400 x 1080 píxeles, taxa de refresco de 60 HZ e cristal resistente. No seu interior alberga un procesador MediaTek Dimensity 700 5G a 2,2 GHz de velocidade máxima de frecuencia de reloxo, xunto con 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.
No que ten a ver coa fotografía, o Y52 5G está equipado cunha cámara traseira triple, formada por un sensor principal de 48 megapíxeles con apertura focal f/1.8, xunto cun sensor secundario con lente macro de 2 megapíxeles con apertura focal f/2.4, e un terceiro sensor con lente bokeh de 2 megapíxeles, con apertura focal f/2.4. Do outro lado, a cámara frontal é un sensor de 8 megapíxeles con apertura focal f/2.0.
A súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, compatíbel con tecnoloxía de carga rápida de 18W, e entre a súas opcións de conectividade destaca o 5G, tanto NSA como SA, ademais de 4G LTE, WiFi a/b/g/n/ac, Bluetooth 5.1, GPS + Glonass, NFC para os pagos móbiles e USB tipo C.
En canto ao sistema operativo, vén de serie con Android 11, aínda que personalizado coa capa propia Funtouch 11.1 de Vivo. Dispón de lector de pegadas dixitais, situado nun lateral, e desbloqueo facial mediante software.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Vivo Y52 5G xa está dispoñíbel para mercar no noso país, onde o podemos adquirir en dúas cores: negro brillante ou azul glaciar. En canto ao seu prezo, custa 259 euros, unha cantidade que fai que sexa un dos modelos con mellor relación calidade – prezo entre os dispositivos 5G de gama media dispoñíbeis neste momento no noso mercado.