O fabricante Wiko vén de publicar unha serie de preguntas e respostas que teñen como obxectivo principal aclarar as dúbidas máis habituais sobre as baterías dos nosos smartphones. Moitas destas cuestións son as dúbidas que as usuarias formulan de maneira recorrente sobre a saúde das baterías, e que a continuación se plantexan como FAQs. Son as seguintes:
A que porcentaxe de carga debo enchufar o meu teléfono?
En liñas xerais, os niveis extremos de carga – tanto os altos coma os baixos – tenden a acelerar a degradación dos materiais que compoñen as baterías. Por ese motivo, o máis recomendábel é manter a carga nun nível intermedio, entre o 50 e o 70% de aproximadamente, sobre todo nos casos nos que o nível de batería do terminal vaia manterse moito tempo, por exemplo se se vai gardar apagado. De feito, as baterías dos terminais novos adoitan saír da fábrica neses valores. Polo tanto, o máis aconsellábel é unicamente descargar e cargar o terminal totalmente moi de vez en cando, co obxectivo de calibrar a medición de porcentaxes. Así mesmo, “apurar” a batería ao máximo para que se descargue por completo non é unha boa práctica, non só polo propio coidado do dispositivo, senón tamén por mantelo operativo ante calquera imprevisto que lle poida xurdir á usuaria do mesmo.
É mellor agardar a que o nível de carga sexa do 100%?
O ideal é que se realicen cargas parciais desde unha porcentaxe media – baixa (arredor do 40%) até unha elevada, pero non do 100% (por exemplo, do 80%). Ante o extendido hábito de deixar que a carga da batería se complete de todo, o fabricante lanza unha mensaxe tranquilizadora, xa que confirman que non contribúe dun modo decisivo á degradación da batería.
Pódese deixar o smartphone cargando toda a noite?
Como se indica na resposta anterior, cargar a batería ao 100% non é o máis recomendábel, pero a práctica costume de conectar toda a noite o teléfono, sen ser o mellor, non ten un efecto tan perxudicial na nosa batería. É máis, moitos dispositivos xa desconectan o circuíto de carga cando detectan que o proceso de carga rematou.
Pode “viciarse” a batería por exceso de cargas?
Antes da aparición das baterías de ións de litio en moitos dispositivos actuais, o concepto de batería viciada era un factor a ter en conta. Cando algunha das baterías de anterior xeración reflexaba con demasiada frecuencia unha determinada porcentaxe de batería, tendía a adaptar o seu funcionamento a ese nível, e logo caer repentinamente a cero.
As baterías de nova xeración xa non presentan ese problema, pero si que están expostas á degradación pola acumulación de ciclos de carga. A partir das 200 – 400 cargas completas (é dicir, pasando de 0 a 100% do nível de carga), a batería pode perder até o 20% da súa capacidade. Non obstante, tendo en conta que falamos de cargas completas, iso tradúcese en que esa degradación producirase – en circunstancias normais – en paralelo á do resto de compoñentes do dispositivo.
É perxudicial empregar un cargador non oficial?
Moitos fabricantes deixaron de incluír o cargador no packaging do produto, polo que esta pregunta cobra se cadra máis importancia. Usar un cargador non oficial non é un problema crucial, xa que en caso de exceso o smartphone nunha vai recibir máis potencia de carga da que pode soportar, e en caso dunha potencia insuficiente a única consecuencia que vai percibir a usuaria do dispositivo é que os tempos de carga son superiores.
É a calor un factor a ter en conta?
É. E moito. De por si, unhas temperaturas extremadamente altas son un grave factor de deterioro para o dispositivo, especialmente cando falamos de períodos longos de incidencia directa do sol ou de deixar o terminal en sitios como unha toalla ou a guanteira do coche. Tendo en conta que o proceso de carga eleva a temperatura do smartphone, é importante prestar especial atención ás condicións ambientais nas que se realiza, xa que se corre o risco de aumentar a degradación da batería.
Teño que prestar atención á pantalla?
De forma case inevitábel, o funcionamento da pantalla acesa é o principal factor de gasto dun smartphone, sobre todo se o brillo está configurado nun nível alto de forma permanente. Para optar a un equilibrio óptimo entre comodidade e aforro de batería, o ideal é manter habilitado o brillo automático para que sexa o propio dispositivo o que adapte o nivel de luminosidade a cada escenario.
Teño que asegurarme de ter todas as apps pechadas?
Este é outro dos condicionantes técnicos que evolucionaron grazas ao desenvolvemento tecnolóxico. Antes era importante asegurarse de evitar ter apps nun segundo plano, xa que influían no consumo de batería. Porén, isto pasou a ter un escaso impacto, xa que os smartphones de hoxe en día contan con avances que facilitan a xestión do consumo de batería, como o modo aforro, que adoita activarse cando a porcentaxe de carga cae por debaixo do 20%.
Wiko é un dos fabricantes que aposta por marcar a diferenza coa competencia na autonomía, en especial coa súa gama Power U, formada polos modelos Power U30, Power U20 e Power U10, que acadan até catro días de uso sen pasar polo enchufe. Neles, o fabricante de orixe francés ten habilitada a función AI Power, que emprega a intelixencia artificial para administrar de forma autónoma o consumo de apps de terceiros.