As tres grandes operadoras do Estado español deron conta onte á tardiña do resultado da subasta convocada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do espectro na banda de 700 MHz, que tiña como obxectivo poñer a disposición das compañías estas bandas de frecuencias para ofrecer servizos de telefonía e datos, nomeadamente 5G.
Vodafone, Orange e Telefónica conseguiron 2 x 10 MHz cada unha, cunha concesión do espectro por unha duración de 20 anos (até 2041), que en todo caso serán renovados automaticamente até o 2061, sempre e cando cumpran as condiciónes específicas da licenza. Outros tres bloques de 5 MHz quedaron sen asignar nesta subasta por ausencia de poxas.
Telefónica fíxose co bloque máis barato, cun investimento de 310 millóns de euros, se ben é o que implica un despregamento máis rápido, tendo a obriga de de cubrir antes de xuño de 2025 con 5G todos os municipios do Estado con máis de 20.000 habitantes, ademais de aeroportos, portos, estacións de AVE e todas as estradas multicarril. No caso de Vodafone e Orange, ambas compañías terán que desembolsar 350 millóns de euros cada unha, coa obriga de dotar de 5G a todas as poboacións de máis de 50.000 habitantes en 2025.
A gran ausente nestas poxas foi o Grupo MásMóvil, que engloba todas as marcas do grupo, entre elas Yoigo e, rematada a OPA, as do Grupo Euskaltel (R, Euskaltel, Telecable e Virgin). O cuarto operador do Estado decidiu non presentarse ao non terse tido en conta ningunha das súas peticións previas á subasta, como a reserva dunha parte do espectro a un prezo inferior para as operadoras sen bandas baixas de frecuencia, ou que un dos bloques subastados se dividira en bloques rexionais, como acontecera coa banda de 2,6 GHz, para poder así poxar naquelas comunidades nas que ten unha maior implantación.
Reparto do espectro actual
Logo desta subasta, o reparto do espectro no Estado queda dividido como se amosa na táboa anterior, elaborada por Xataka. Telefónica posiciónase como a operadora con maior espectro en bandas baixas, Orange coa que ten máis espectro específico para 5G e Vodafone como o que ten máis espectro continuo, o que lle permite ofrecer o dobre de velocidade máxima ca os seus rivais.
Cando a banda de 3,5 GHz sexa reordenado para que cada operadora teña espectro continuo, e na medida en que se vaian apagando as redes 2G e 3G nos próximos anos, as tres compañías terán practicamente a mesma cantidade de espectro dispoñíbel e as mesmas velocidades máximas.