O operador galego R vén de informar da renovación da súa aplicación de televión, tv comigo, para ofrecer unha experiencia de uso máis intuitiva e sinxela. Desde agora, a clientela da compañía gañará en alixidade, ao poder ver os contidos de maneira máis dinámica a través da nova navegación que ofrece a app.
Ademais destas melloras na navegación pola app, a nova aplicación do operador galego ofrécelle á súa clientela 30 canles máis en directo, e incorpora á plataforma rebobina máis contidos que poderán gozar desde calquera dispositivo móbil.
Entre as novidades destaca a posibilidade de poder seguir vendo un contido, como unha serie ou película, desde o punto no que se deixara en calquera dos dispositivos empregados, pois todos eles están sincronizados. Isto permite que as usuarias da compañía poidan gravar contidos desde a app ao descodificador e viceversa, para velos posteriormente desde o dispositivo que se elixa ou desde a propia televisión.
Estas novas funcionalidades engádense ás xa tradicionais como, entre outras, acceder á programación completa dos últimos sete días de máis de 80 canles, ou en calquera momento reproducir ou seu contido desde o inicio, parar, avanzar ou retroceder.
A nova versión da aplicación é compatíbel cos dispositivos Android e iOS, ademais dos ordenadores con Windows ou Mac, a través dos navegadores Chrome (versión 45 ou superior) ou Firefox (versión 40 ou superior), entre outros. Para poder empregalo, simplemente hai que descargar a aplicación ou acceder a través da web, xa que o servizo está actividado de forma automática para todas as usuarias que teñan contratado algún dos combos de televisión con descodificador de R.