A TVG realiza a súa primeira retransmisión en directo a través de 5G

A Televisión de Galiza (TVG) converteuse o pasado venres na primeira canle pública española en levar a cabo unha retransmisión en directo mediante tecnoloxía 5G, con conectividade proporcionada por Telefónica. Aconteceu durante o Telexornal Mediodía, cunha conexión en directo co Monte do Gozo, onde se tiña entrevistado a varios peregrinos con motivo da súa chegada a Compostela, coincidindo coa fin de semana do 25 de xullo.

Para levalo a cabo, Telefónica conectou con tecnoloxía 5G unha cámara da TVG, a través dunha mochila con codificación de vídeo H.265 de Mobile Viewpoint B.V. equipada con módems 5G, que permite retransmitir en directo con alta calidade e baixo retardo. Para esta retransmisión, a CRTVG e Telefónica veñen traballando en conxunto durante un ano, realizando probas nas que se levou ao límite os dispositivos coas novas capacidades da rede 5G, que permitiu, por exemplo, reducir os retardos até 0,8 segundos, un 25% menos da latencia habitual nos directos).

Cómpre salientar que a TVG foi das primeiras canles do estado en implantar a tecnoloxía 4G para as retransmisións en directo. Agora, o 5G permitirá, entre outras vantaxes, incrementar a fiabilidade das retransmisións, aumentar a calidade da imaxe transmitida grazas ao seu ancho de banda e reducir os retardos.

Esta acción piloto 5G enmárcase dentro dos proxectos do Nodo de Cooperación 5G impulsado pola Xunta de Galiza a través da AMTEGA, e que ten por obxectivo poñer en valor casos de uso reais empregando o 5G como conectividade. Para facela posíbel tamén se contou con Nokia, como suministrador da infraestrutura de radio 5G na rede de Telefónica, emntres que a mochila 5G do fabricante holandés Mobile Viewpoint B.V. foi proporcionada polo seu distribuidor en España, Ges-IT.

Sobre o autor

Reply