Era unha nova que coñecíamos desde hai tempo, pero que agora xa ten data: a experiencia de Amena, unha das marcas de baixo custe de Orange, chega ao seu fin. O movemento prodúcese tempo despois de que o Grupo Orange fixera un movemento semellante con República Móvil, cuxas usuarias movéronse a Simyo.
A estratexia de Orange, que xa fora avanzada a comezos de ano, é a de simplificar o seu conglomerado de marcas, e a eliminación de Amena e de República Móvil implica que o Grupo quedará con tres alternativas para a súa clientela actual e potencial: Orange, Simyo e Jazztel.
Desde o próximo 1 de setembro xa non se poderán dar novas altas baixo a marca Amena, e nun proceso que comezará o 13 de setembro e se extenderá até final de ano, as usuarias iranse migrando a novas tarifas de Orange, nas que a compañía afirma que poderán acceder a novas vantaxes, mantendo o prezo actual e incrementando o número de gigas. O proceso de cambio vai ser automático e totalmente transparente para as usuarias, que non deixarán de ter servizo en ningún momento, xa que non hai nin substitución de tarxetas SIM ou de routers.
Entre as novas vantaxes ás que poderán acceder as actuais usuarias de Amena co cambio a Orange están o acceso a contidos de televisión, a fibra simétrica de até 1 Gbps, conectividade 5G e servizos avanzados como miltiSIM, eSIM ou o seguro móbil, entre outros.