Novo Gigaset GS4 senior, para o público máis maior

O fabricante alemán Gigaset anunciou a mediados de mes a dispoñibilidade do seu novo smartphone orientado ao público máis adulto, o Gigaset GS4 Senior. Trátase dunha versión do seu modelo GS4, que destaca por características como a súa resistencia ou unha interface de usuaria de doado manexo, sen esquecerse dalgunhas das características máis demandadas polo público actual, como a multicámara, a carga sen fíos ou a posibilidade de empregar o móbil para pagar nos establecementos.

O Gigaset GS4 Senior leva Android 10 como versión base do sistema operativo, aínda que cunha capa de personalización propia que introduce un menú de alto contraste, fontes de gran tamaño e un caxetín que permite configurar até 8 aplicacións, que se poden personalizar para un acceso rápido e intuitivo ás mesmas.

Nesta mesma pantalla de inicio tamén temos a función SOS, a través da cal non só se pode acceder rapidamente ao 112, senón que tamén permite gardar contactos persoais aos que o teléfono irá chamando sucesivamente até que algún contesta no caso de emerxencia, ou no seu defecto pode enviar SMS coa ubicación no caso dunha caída ou outro tipo de incidente que poida sufrir a persoa usuaria.

A súa pantalla é de 6,3 polgadas, con resolución FHD+, alto contraste e que ademais chega de fábrica protexida cun protector de pantalla preinstalado. No seu interior alberga un procesador de oito núcleos a 2,1 GHz, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 512 GB de capacidade.

Dispón de triple bandexa para tarxetas (2 SIM + 1 microSD), lector de pegadas dixitais situado na parte traseira, desbloqueo facial e NFC, o que permite realizar pagos móbiles nos establecementos que dispoñen de TPV compatíbeis (a práctica totalidade).

A súa batería, de 4.300 mAh de capacidade, permítelle varios días de autonomía, e cando require ser cargado, a conexión ao cable resulta máis doado, xa que se inclúe un cargador magnético que se engancha practicamente só, facilitando o traballo ás persoas que teñen unha menor mobilidade nas súas mans. Tamén se pode optar pola carga sen fíos cunha base estándar.

En canto ás cámaras, dispón dunha cámara principal – traseira – triple, formada por un sensor de 16 megapíxeles que completan unha lente gran angular de 5 MP e un sensor macro de 2 MP. Na parte frontal dispón dunha cámara para selfies ou videochamadas de 13 MP, integrada nunha pequena pestana en forma de V sobre a pantalla do dispositivo.

Dispoñibilidade e prezo

O Gigaset GS4 Senior xa se pode mercar en establecementos especializados, comercios online e na tenda da compañía por 279 euros, un prezo no que tamén se inclúe unha funda transparente para aumentar a protección do dispositivo, ademais do protector de pantalla preinstalado do que xa falamos antes.

Máis aló da garantía marcada pola lei, de 4 meses, Gigaset ofrece unha garantía de tres meses desde o momento da compra, para casos de danos por rotura ou humidade. E se nos 90 primeiros días tras a compra a persoa usuaria decátase de que non precisa un smartphone senior, pode devolvelo grazas ao compromiso de satisfacción da compañía.

Sobre o autor

Reply